ABANCA une forzas con Conector para acelerar proxectos emprendedores galegos

mércores, 1 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O novo centro ABANCA Innova está a avanzar no seu apoio ao tecido produtivo galego, para o que recibiron no seu programa de aceleración a Conector Startup Accelerator, aceleradora especializada en startups en fase semente que no mes de novembro puxo un pé en Galicia.
O Programa de Aceleración ABANCA Innova by Conector procurará apoiar e acelerar o crecemento de proxectos en fase semente de sectores vencellados á banca (fintech, insurtech, regtech, Big Data, blockchain...) e aplicará a metodoloxía Conector de xeito presencial, abríndose mañá (e até o 5 de marzo) a recepción de solicitudes para participar neste programa que botará a andar o 20 de marzo despois de que un comité independente realice a selección de proxectos emprendedores que acudirán ao Startup Day, xornada onde socios e mentores de Conector e directivos de ABANCA elixirán ás startups que merecen entrar no programa de aceleración.

Programa de aceleración

As startups seleccionadas recibirán até 20.000 euros a través dun préstamo participativo, beneficiándose tamén os proxectos acelerados das axudas das empresas colaboradoras da aceleradora, terán acceso á rede de networking de Conector, recibirán charlas de formación semanais e terán un panel de mentores de seu, formados por expertos en diferentes áreas.

Galicia, berce de emprendedores

Durante a presentación da colaboración entre Conector e ABANCA, a co fundadora da aceleradora, Elisabeth Martínez, asegurou que grazas á achega do seu know-how ao ecosistema emprendedor galego confía en que Galicia manteña o seu pulo como orixe de grandes emprendedores e startups de éxito, dos que son un bo exemplo varios dos fundadores de Conector, como Carlos Blanco, de Encomenda Smart Capital, quen mañá ás 18:30 horas participará nun café organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia para compartir a súa experiencia e intercambiar opinións cos que teñan a ben achegarse até a sede do Círculo en Vigo.

Lalo García, director de Conector Galicia

Conector en Galicia

O director de Conector Galicia, Lalo García, será que dirixirá o programa de aceleración e o acompañamento diario dos proxectos emprendedores no centro ABANCA Innova durante os 5 meses que dura o programa. Os emprendedores traballarán para fornecer as áreas que precisen e facilitar así o seu crecemento.
García tamén salientou que Conector Galicia é unha aceleradora vertical, de xeito que non é incompatible coa colaboración doutros proxectos aceleradores que existen en Galicia e que principalmente buscan a consolidación dun ecosistema emprendedor.
Completado o programa de aceleración organizarase un Demo Day, onde exporanse os proxectos acelerados ante investidores, o que supón unha grande oportunidade para a consolidación das compañías que participen nesta iniciativa coa que ABANCA demostra a súa aposta pola innovación e o seu compromiso coa fixación de talento en Galicia.

PUBLICIDADE