A alianza galega ATIGA impulsará a eficiencia e a sustentabilidade das empresas europeas

martes, 8 de marzo do 2016 Redacción

O proxecto Vanguard Initiative, unha iniciativa europea na que participan 30 espazos xeográficos diferentes, vai ter notable presenza galega. Máis polo miúdo a da Alianza Tecnolóxica Intersectorial, ATIGA, unha fronte común formada por AIMEN, o centro tecnolóxico Gradiant, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, EnergyLab, o CTAG (Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia) e ANFACO-CECOPESCA. Como lembraremos, Vanguard Initiative diríxese en parte a impulsar metodoloxías que contribúan a establecer segundas e terceiras vidas e funcionalidades para todo tipo de produtos industriais. Nun plano máis xenérico aposta de cheo pola especialización intelixente e a cooperación entre países e comunidades. Supón, en palabras dos seus impulsores, “unha innovadora forma de traballo en colaboración para coordinar e atopar sinerxías entre centros tecnolóxicos e empresas de toda Europa”.
A rede abrangue cinco grupos de traballo centrados cada un nun ámbito diferente: manufactura eficiente e sustentable, impresión 3D, manufactura avanzada en renovables en ambientes hostís, nanotecnoloxías e bioeconomía. O proxecto foi impulsado en 2014 e agora, o ano 2016, logo de que as contornas xeográficas participantes acadaran financiamento directo da UE, preséntase como o ano decisivo para o seu pulo final.
ATIGA está no grupo Efficient and Sustainable Manufacturing, que ten por obxectivo crear unha rede de demostradores piloto de innovación que posibiliten ás firmas dos máis variados sectores desenvolver e pór en xogo tecnoloxías e procesos “altamente eficientes e sustentables”. Nesta área están en desenvolvemento cinco demostradores orientados aos seguintes eidos de actividade: á refabricación para reutilizar as funcións e os materiais de produtos no final da súa vida útil; á fabricación adaptativa e intelixente de produtos e compoñentes personalizados; ao desenvolvemento de tecnoloxías de fabricación avanzadas e sustentables en tratamento de superficies e revestimentos con polímeros; á planificación integrada dixital e virtual e ao deseño de procesos de fabricación enerxética e ambientalmente eficientes.
Os días pasados os responsables de Vanguard Initiative reuníronse en Bruxelas (medio milleiro de asistentes) para ultimar a folla de ruta para 2016, entre outras cousas. ATIGA concorreu de xeito activo na xuntanza, que abrangueu máis dunha ducia de sesións de networking operativo.