A alianza pola M2M presenta unha solución para impulsar definitivamente esta tecnoloxía
martes, 17 de decembro do 2013
Hoxe soubemos dun novo
paso para propiciar o medre das comunicacións M2M en todo o mundo.
Máis polo miúdo, o paso foi dado pola M2M
World Alliance, composta por Etisalat, KPN, NTT DOCOMO, Rogers,
SingTel, Telefónica, Telstra e VimpelCom, que presentou oficialmente
este martes a súa solución para simplificar e promover a adopción
de comunicacións máquina a máquina (M2M) en todo o mundo. Esta
solución tirará proveito da presenza global combinada dos
operadores, permitindo ás compañías gozar de conectividade en toda
a área de cobertura da alianza con tarifas de mercado interno.
Asemade, o acordo perfila un cumprimento máis sinxelo das
regulacións nos mercados locais e a posibilidade das multinacionais
para prestar apoio técnico mundial dun mercado único.
“Cremos que a nosa
solución única e uniforme impulsará un rápido crecemento na
adopción das comunicacións M2M en todo o mundo, dando aos nosos
clientes a capacidade de operar dispositivos conectados en todo o
mundo a un custo reducido”, comenta Ángel David García Barrio,
presidente de M2M World Alliance. E engade: “Con operacións en
máis de 60 países, a presenza global da alianza presenta ás
organizacións multinacionais un enfoque uniforme para despregar
dispositivos conectados en varios países ao mesmo tempo”.
Lembrar que as
comunicacións M2M establécense cando as máquinas conéctanse e
intercambian datos con infraestrutura de tecnoloxía da información.
Para unha boa parte dos expertos en telecomunicacións, trátase do
último chanzo na evolución de Internet. Neste chanzo temos o
seguinte panorama: un ciberespazo que se estende alén dos límites
tradicionais dos computadores para conectarse a calquera dispositivo
cun microprocesador. Ou sexa, que calquera aparello da nosa vida
cotiá, mesmo nós menos nun futuro próximo, será quen de ter
acceso á Rede. Polo de agora pénsase principalmente, iso si, en
ámbitos como os vehículos, o tráfico, a electrónica de consumo,
as consolas de xogos, a seguridade ou a saúde.
Segundo apunta
Telefónica, membro da alianza, estímase que as conexións globais
de M2M medrarán desde aproximadamente os dous mil millóns da
actualidade ata acadar os 18.000 millóns en 2022, de acordo cun
estudo de Machina Research.
