A alternativa a Twitter de Instagram xa se deixa ver

luns, 3 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Dende Meta parecen ter o don da oportunidades e nun momento no que Twitter está a experimentar serios problemas estrean na tenda de aplicacións de Google Threads, unha aplicación para usuarios de Instagram que busca reunir a comunidades para discutir sobre temas que lle interesen e que poidan ser tendencia, e que con só botarlle unha ollada podemos entender que estamos ante un clon de Twitter.
Aínda que dende España aínda non podemos descargar oficialmente a nova aplicación, está dispoñible dende fontes alternativas, pero non permite empregar a nova plataforma dende contas ordinarias de Instagram, polo que entendemos que o servizo está en probas á espera dun lanzamento oficial, que coméntase que sería nun par de semanas.
Aseguran que Threads sería unha plataforma moi semellante a Twitter, pero xestionada con cordura, en contraste a como está a funcionar Twitter dende que Elon Musk tomou o seu control. Ese argumento é o que están a empregar outras alternativas a Twitter (sen moito éxito) pero o feito de que Threads empregue as contas de usuario de Instagram para funcionar poderíalle facilitar un uso masivo de producirse unha fuxida masiva de usuarios de Twitter.

PUBLICIDADE