A animación e a realidade virtual, eixes dunha nova misión comercial inversa do CLAG

luns, 15 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O Clúster Audiovisual de Galicia vén de celebrar un novo encontro con empresas do exterior: unha misión comercial inversa (con Galicia como destino, e non ao revés) para intercambiar experiencias e, sobre todo, para establecer alianzas arredor de novos proxectos. A reunión (xeiras de networking en formatos informais) celebrouse o pasado venres no marco do festival coruñés Mundos Digitales (18 edición) e nela, amais das representantes do Clúster, participaron empresas referentes mundiais da animación, da realidade virtual e dos efectos especiais.
A nosa terra estivo representada por compañías como Adivina Producciones, Filmax ou Ilux Visual Technologies. Por parte da delegación internacional participaron Ian Mackinnon, de Mackinnon&Saunders; Jerome Denjean, de Blur; Raúl Carbó, de In Efecto; Ali Hamdam, de Karlab; Guillermo Arambulo, de Sony Pictures Animation; Pedro Dominguez, de Nu Boyana Portugal; Julio del Rio, de MPC; Mauro Frau, de Treehouseninja; Frank Vedvik, de The Future Group; Mike Seymour, de FXGuide; Jordi Barés, de Framestore; Jesús Garrido, de ILM, e Josep Antoni Ribas, de MPC.
A misión comercial, realizada dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro de IGAPE, Xunta de Galicia e UE, puxo de manifesto, en palabras da plataforma audiovisual galega, “a decidida aposta que está a realizar o Clúster Audiovisual Galego polos contidos dixitais e por contribuír a que este sexa un sector máis forte e competitivo”.

PUBLICIDADE