A aplicación Máis Rianxo permite aforros e descontos a quen aposte polo comercio local rianxeiro

venres, 23 de xuño do 2023 S. P.

A Asociación Rianxeira de Empresarias compartiu este mes de xuño as principais vantaxes e utilidades da súa aplicación móbil, a app Máis Rianxo, unha ferramenta que en palabras da patronal permite importantes aforros aos seus usuarios ao tempo que premia a súa fidelidade e garante o apoio de veciños e visitantes ao comercio de proximidade.
Respecto do seu funcionamento, posibilita aos usuarios a acumulación de descontos cada vez que fan unha compra nos seus establecementos favoritos, descontos que logo poderán ser empregados en futuras adquisicións.
“Con Máis Rianxo”, explican, unha parte “das nosas compras bonificarase e acumularase no noso moedeiro virtual para que poidamos descontar o saldo obtido en futuras compras”.
A través da aplicación, que tamén ten versión web, poderemos consultar os negocios que ofrecen bonificacións e o noso saldo dispoñíbel en calquera momento. Tamén poderemos obter información sobre promocións, campañas e actividades que teñan lugar na vila e no concello rianxeiro. A app está dispoñíbel para móbiles con sistemas Android e iOS.

PUBLICIDADE