A aplicación móbil galega Wizapet facilita a adopción de mascotas

luns, 22 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

No outono de 2016 nacía unha aplicación móbil galega chamada Wizapet, que facilitaba a publicación de anuncios de mascotas perdidas ou atopadas aproveitando o feito de que os smartphones integran GPS para achegar só a información nas nosas proximidades. Este proxecto persoal do emprendedor ourensán Roberto Carlos Pérez Álvarez O Reberete leva todos estes meses evolucionando e adaptándose ás demandas dos seus máis de 45.000 usuarios activos en España, o que facilitou que agora vexa a luz a súa versión 3.0, que incorpora novas funcionalidades como buscador interno, filtros por tipoloxías de mascotas, personalización das alertas por radio de busca e tipoloxía, compartir anuncios e alertas en redes sociais, múltiples fotografías para cada mascota, máis estabilidade e, moi especialmente, a xestión de adopcións.
Wizapet está dispoñible globalmente e de balde, podendo descargarse nas súas versións para Android e para iOS, e estando consolidada como a meirande ferramenta dixital de carácter colaborativo para a xestión de mascotas perdidas e atopadas en fala hispana.
Este tipo de ferramentas gozan de grande popularidade entre as asociacións protectoras de animais e os seus simpatizantes, e o feito de que na súa última versión poida empregarse para dar visibilidade a animais en adopción supón un importante servizo para paliar a situación actual de abandono de moitas mascotas. Aparte da difusión a través da aplicación móbil, Wizapet tamén facilita a publicación deste tipo de anuncios en redes sociais, amplificando o seu impacto.

PUBLICIDADE