A app de Abanca é líder estatal en opinión media de usuarios
luns, 6 de marzo do 2017
Abanca
vén de informar dos bos resultados obtidos pola súa aplicación
móbil en materia de valoración de clientes-usuarios. Estas
valoracións positivas foron extraídas, por unha banda, da páxina
oficia de descargas para terminais con Android, a tenda Google Play.
Nesta páxina, sinala Abanca, rexistráronse máis de 21.000
valoracións da app da entidade financeira galega, un volume
de cualificacións que fornece unha media de 4,4 nunha escala de
cinco puntos posíbeis (ademais, a gran maioría dos internautas que
achegaron a súa opinión sobre a ferramenta concedéronlle polo
menos catro estrelas). Por outra banda, os bos resultados tamén son
aplicábeis á tenda App Store (a relativa a produtos para iOS).
Neste caso, máis de 1.100 usuarios puntuaron a banca móbil cunha
media de catro estrelas nunha escala de cinco.
Segundo
conclúen fontes de Abanca, os devanditos datos non fan máis que
confirmar que os usuarios das aplicacións para smartphones
das entidades financeiras estatais colocan á banca móbil de Abanca
“como o servizo líder do sector”. De feito, engádese, “a
información pon de manifesto que ningunha entidade supera á galega
en puntuación media”.
O
mérito aínda é máis significativo para a nosa terra se temos en
conta que a ferramenta foi desenvolvida de maneira íntegra en
Galicia. Trátase, para quen non o saiba, dunha app de balde
que permite aos clientes da entidade realizar múltiples operacións
en calquera lugar e a calquera hora.
Entre
as cousas da aplicación que están a ser máis positivamente
cualificadas figuran os desenvolvementos integrados e postos en
marcha nos últimos meses (creación e xestión de cartóns virtuais,
o acceso e apagado de cartóns, o cambio de PIN, o acceso con pegada
en terminais Android ou o adiamento de compras con cartón do servizo
Applázame), unhas melloras que “pularon un medre do 35% en
materia de uso, até chegar aos 600.000 usuarios únicos en banca
electrónica”. Segundo informa Abanca, o pasado mes de febreiro
rexistráronse máis de 7,5 millóns de conexións e realizáronse
máis de 40 millóns de consultas ou operacións a través da
devandita canle tecnolóxica.
A
día de hoxe, para facernos unha idea da implicación da app,
un de cada catro clientes da entidade é usuario cotián da
aplicación, boa parte deles “consultando ou realizando operacións
cada día”. O obxectivo da banca galega, neste senso, é que ao
final de 2017 máis da metade dos usuarios activos particulares tiren
proveito deste recurso móbil.