A app galega Wob Lifestyle está entre as finalistas dos premios Mobile Premier Awards que se resolven hoxe

luns, 25 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Parte do equipo de LTK Labs, que compiten nos premios Mobile Premier Awards coa app de seu

A iniciativa Wob Lifestyle, posta en marcha pola firma coruñesa LTK Labs, atópase entre as nomeadas á mellor app da sétima edición do certame Mobile Premier Awards, uns galardóns cuxa resolución dáse a coñecer hoxe, na Sala Apolo de Barcelona e inseríndose na apertura do salón Mobile World Congress. A listaxe de finalistas, segundo nos contan os integrantes de LTK Labs, inclúe nove aplicacións europeas, seis latinoamericanas, dúas de Estados Unidos e unha do norte de África. O certame devandito, por certo, vén da man de AppCircus co apoio de Intel, Estrela Damm, BlueVia, Mozilla e Facebook.
En opinión do equipo de LTK, que se atopa entre os finalistas europeos, o feito de estar coas melloras iniciativas competindo polo premio á mellor aplicación do ano “é unha oportunidade extraordinaria de promoción internacional, xa que estarán presentes moitos dos profesionais e medios especializados máis importantes do eido da mobilidade e o mundo das aplicacións”, comenta Xan Salgado, director da empresa da Coruña.
Para Carles Ferreiro, co-fundador de AppCircus e dos ditos galardóns, estes son “unha mostra das tendencias en creatividade e innovación no universo das aplicacións móbiles en todo o mundo, contribuíndo a pór en contacto o talento mundial no desenvolvemento de apps coas principais empresas e expertos do sector das aplicacións móbiles, que está previsto que alcance os 15 billóns de euros a nivel global en 2015”.
Volvendo ao servizo galego presente neste certame, ombro con ombro cos máis salientables a nivel internacional, sinalar que estamos ante unha aplicación con potencial centralizador para ofrecernos moitas cousas ata o de agora espalladas nun único punto común de servizo e acceso. Máis polo miúdo, o que pon en xogo, a través dunha única xanela, todo aquilo que unha ampla escolma de marcas, medios, revistas ou blogueiros de todo o mundo comparten decote nas rúas redes sociais. Ou sexa, en Facebook, Twitter, YouTube, Instagram, Vimeo e Flickr e RSS. “A app galega”, explican os seus desenvolvedores, “inclúe moitos aspectos vinculados ao concepto de estilo de vida das persoas ofrecendo toda a información (fotos, vídeos e noticias) organizada e accesible nun único lugar, dun modo sinxelo e inmediato”. Deste xeito, os usuarios de Wob Lifestyle poden gardar a información que lles é de interese e facela común cando o desexen e con quen queiran desde o seu teléfono ou tablet Android, desde o seu iPhone ou iPad ou desde o seu Windows Phone.