A aula CeMIT de Ribeira achega este verán dous novos cursos TIC para a rapazada
venres, 26 de xullo do 2019

- Manuel Bello e Ana Barreiro na presentación dos cursos
A
aula CeMIT de Ribeira vai organizar este mes de agosto dous cursos de
balde con software libre sobre novas tecnoloxías dirixidos aos máis
novos e impartidos por Manuel Bello, novo axente TIC encargado da
xestión desta dependencia. A concelleira de Administración,
Innovación Tecnolóxica e Transparencia, Atención e Participación
Cidadá, Ana Barreiro, manifestou na presentación destes cursos que
se trata “dunha aposta pola alfabetización dixital e inclusión
tecnolóxica dos cidadáns e cidadás e, como estamos en temporada
estival, tócalle aos máis pequenos da casa.” Deste xeito, dixo,
contribúese á conciliación.
O
primeiro comprende o tramo de idade de 6 a 9 anos e desenvolverase do
6 ao 16 de agosto, en horario de 10.00 a 12.00 horas, cun cómputo
total de 18 horas lectivas. Entre a materia impartida atópase o
manexo básico do sistema (accesorios do sistema, crear carpetas e
ordenar datos), coñecer o teclado, edición básica de texto,
debuxar co ordenador, buscar imaxes en Internet, ordenar fotos e
crear unha montaxe de imaxes.
O
segundo treito comprende a rapazada de 10 a 14 anos, desenvolvéndose
do 20 ao 30 de agosto, en horario de 10.00 a 12.00 horas, cun cómputo
total de 18 horas lectivas. Os asistentes aprenderán a manipulación
de imaxes (descargar fotos de Internet, retocar e crear montaxe de
imaxes), editar son e vídeo (descargar de Youtube, editar as
descargas e engadir son).
O
Concello explicou que existe un límite de prazas establecido en 12
para cada unha das accións formativas e as inscricións estarán
abertas desde o 29 de xullo ao 2 de agosto, podendo formalizarse
tanto na páxina web do Concello www.ribeira.gal,
dentro do apartado Aula CeMIT, coma nas propias instalacións
situadas debaixo da escola infantil municipal, na rúa Cubeliños 1.
Por
outra banda, a concelleira lembrou que a aula CeMIT está aberta para
calquera persoa que queira facer consultas ou suxestións sobre
aspectos relacionados coas novas tecnoloxías.
