A cámara Samsung VM-HMX20 permite gravar a 1.080p

luns, 12 de maio do 2008 Marcus Fernández

Coa chegada dos televisores de alta definición aos salóns domésticos as gravacións de vídeo caseiras en miniDV se ven como antes se miraba ás cintas VHS-C ou 8mm, polo que os fabricantes xa están a lanzar cámaras con capacidades de alta definición que no caso da nova Samsung VM-HMX20 parecen cubrir as expectativas de calquera consumidor non profesional, pois permite gravar en progresivo a 1.080 liñas a 30 fotogramas por segundo.
A cámara ten un sensor CMOS de 6,4 Mpíxeles cunha sensibilidade máxima de 3.200 ISO, estabilizador de imaxe e capacidade para gravar a 300 fotogramas por segundo durante 10 segundos (para facer escenas a cámara super-lenta). As gravacións rexístranse na súa memoria Flash interna de 8 Gb ou en tarxetas SD/SDHC.
Polo momento sairá á venda en Corea do Sur a 899.000 wons (557,44 euros) o que é un prezo bastante axustado para unhas prestacións sumamente atractivas.

PUBLICIDADE