A campaña Subscríbete ao galego celebra o xornalismo na nosa lingua con recompensas aos lectores

martes, 28 de abril do 2026 S. P.

Neste mes de maio, con motivo do Día das Letras Galegas e o Día de Internet (que coinciden na súa celebración o 17 de maio), a Asociación de Medios en Galego, a provedora galega de servizos tecnolóxicos Dinahosting e a asociación PuntoGal unen esforzos para apoiar o uso da nosa lingua nos medios de comunicación a través da iniciativa Subscríbete ao galego.
Dende o 17 de maio ata o 31 do mesmo mes, as persoas que se subscriban nalgún dos medios participantes na campaña (na que figura tamén Código Cero) recibirán un dominio .gal e unha hospedaxe (hosting) totalmente de balde durante o período dun ano. Este agasallo está valorado en máis de 170 euros, lembraron as impulsoras da campaña.
Os usuarios beneficiarios recibirán os seus códigos para obter o seu hosting e dominio gratis ata o 30 de xuño.
Razóns de Subscríbete ao galego
As ditas entidades explican que “nun contexto cada vez máis global e profundamente condicionado polo uso das tecnoloxías dixitais, a Asociación de Medios en Galego, Dinahosting e PuntoGal unen esforzos para promover unha maior presenza da nosa lingua na Internet”.
A través desta iniciativa, engaden, as persoas beneficiarias poderán acceder de balde a un dominio galego e a un servizo de hosting web, “o que lles permitirá dispoñer dunha conta de correo profesional co seu propio dominio e poñer en marcha o seu proxecto web sen afrontar custos iniciais”.
Segundo sinalan as tres entidades, “trátase dunha oportunidade para impulsar a creación de contidos en galego e avanzar na normalización do idioma tamén no ámbito dixital”.
Ao mesmo tempo, esta campaña contribúe a fortalecer os medios participantes. Ofrecer valor engadido ás persoas que decidan subscribirse é unha fórmula eficaz para ampliar a base social e reforzar a presenza e a relevancia dos medios en galego.
Os medios con subscrición que participan nesta campaña son:
· A movida
· A Trabe de ouro
· Código Cero
· Mallando no Android
· Mazarelos
· Nós Diario
· O Salto Galiza
· Praza.gal
· Revista Grial
· Revista Luzes
· Tempos novos
· Tempos dixital
Medios sen subscrición que participan na campaña son:
· AMSGO!
· A Nova Peneira
· A Xente de Teo
· Bisbarra
· Biosbardia
· Boísimo
· Crónicas da comarca
· Ecos da Comarca
· Emuga
· Galicia Confidencial
· GCiencia
· Galicia Xa
· Lindeiros
· Nós Televisión
· O Barbanza
· O Sil
· Ouke!
· Picheleiro
· Ponte nas... Ondas!
· Que pasa na costa· Revista Pincha
· Xornal da Coruña
· Xornal da Estrada