A ciberseguridade será prioritaria na transformación dixital impulsada pola Xunta

martes, 9 de novembro do 2021 Anxo Sesto

O I Seminario de Intelixencia Empresarial e Ciberseguridade rematou este 9 de novembro coa intervención do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacando que “a ciberseguridade será unha das apostas principais da Xunta para os retos asociados á transformación dixital”, sendo esta unha das bases da Estratexia Galicia Dixital 2030. Tamén incidiu na importancia deste evento, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e da colaboración entre as administracións, as empresas e a propia cidadanía para loitar contra a ciberdelincuencia.
Indicou que o uso das novas tecnoloxías aumentou pola pandemia, tanto no ámbito persoal como no profesional, e provocou un maior número de incidentes relacionados cos pagos electrónicos e coas estafas. Por iso, recordou que a transformación dixital debe vir acompañada dun reforzo e dunha garantía de seguridade nos espazos dixitais.
A Xunta, na súa aposta pola ciberseguridade, poñerá en marcha o novo Centro de Ciberseguridade de Galicia. Este conta con dous departamentos, o Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade (CSIRT.gal) e o nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, a través do cal a Xunta participa coas catro deputacións, cos concellos e co Goberno central, así como con outras empresas e institucións para concienciar e formar profesionais na materia da seguridade nas TIC.
Debido ao aumento da ciberdelincuencia, Alfonso Rueda, tamén afirmou que dende a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) se reforzou a formación das forzas e corpos de seguridade en delitos informáticos e ciberseguridade. Tanto a través de cursos dirixidos a axentes da Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Local e Garda Civil, como cos cursos selectivos de ingreso e promoción interna da Policía Local.

PUBLICIDADE