A ciencia e a tecnoloxía bótanse á rúa en setembro da man das tres universidades galegas e o seu evento conxunto G-Night

mércores, 26 de maio do 2021 S. P.

Ás portas do vindeiro outono celebrarase un sobranceiro evento internacional para celebrar o coñecemento, a investigación e a tecnoloxía. Trátase da Noite Europea das Persoas Investigadoras, que se festexa de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro e que está a piques de chegar á súa décima edición. Santiago, Lugo, Vigo, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Ferrol sumaranse tamén a esta iniciativa a través da G-Night, o evento que se desenvolverá o vindeiro 24 de setembro e que busca achegar a figura da persoa investigadora no contexto galego, así como a investigación e os seus beneficios, á sociedade en xeral. Porase o foco en fomentar as vocacións científicas entre as novas xeracións.
A Universidade de Santiago, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña impulsan de xeito conxunto o consocio que impulsa a G-Night ou Noite Galega das Persoas Investigadoras baixo o lema Conciencias creativas.
Porase o foco en cuestión como “a creatividade e a súa relación co coñecemento científico”, “a ruptura de estereotipos” e “a interdisciplinariedade”. Tamén se abordará a importancia de impulsar investigación científicas e tecnolóxicas para afrontar os grandes desafíos do cambio climático. As actividades desenvolveranse fóra dos laboratorios e en “contextos informais” como rúas, prazas, museos, praias ou bares, prevalecendo un ambiente festivo para toda a celebración, sinalaron as tres universidades galegas, engadindo que os formatos tamén serán variados e enriquecedores: relatorios, conferencias, obradoiros, rutas científicas, teatro, música, experiencias ou experimentos integran a oferta da G-Night, alén de dirixirse a todo tipo de públicos con independencia da súa formación e coñecementos.

As vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e de Investigación, Belén Rubio, na presentación do programa de actividades dende a UVigo

Unha xornada de actividades
Malia que será na noite do 24 de setembro cando se celebren a maioría de actividades programadas co gallo da G-Night, ese mesmo día pola mañá están previstas de xeito excepcional diversas accións en centros de ensino que garantan a seguridade das e dos participantes, “co obxectivo de evitar aglomeracións de público escolar no horario de tarde-noite”.
Por certo que o alumnado dos centros escolares galegos de Primaria e Secundaria será o primeiro, a partir da próxima semana, en gozar coa celebración dunha vintena de pre-eventos, actividades divulgativas, que teñen o obxectivo de difundir a celebración do 24 de setembro.
Cun financiamento de preto de 154.000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA), as Universidades de Santiago e A Coruña, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e o Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC), o Centro Tecnolóxico Gradiant, o ITMATI, o INIBIC e o SEBBM integran o consorcio, coordinado pola UVigo, que desenvolverá a Noite Galega das Persoas Investigadoras, que ademais de nas cidades galegas, celebrarase de xeito simultáneo en máis de 360 localidades de toda Europa.
Na UDC o proxecto está coordinado pola Unidade de Divulgación Científica e contribúen todos os centros de investigación (CITIC, CICA, CITEEC e CIT) e os campus de especialización: Innova, Sustentabilidade e Industrial. O Centro de Investigación TIC tomará parte a través de actividades e visitas ao Demostrador Tecnolóxico, recentemente inaugurado, no que se expoñen diferentes proxectos de investigación desenvolvidos no centro.
Precedentes
No ano 2019, máis de millón e medio de persoas, de máis de 400 cidades de case unha trintena de países europeos, participaron na Noite Europea das Persoas Investigadoras, na que ademais tomaron parte máis de 36.000 investigadoras e investigadores. En 2020, o evento celebrouse de xeito virtual cun total de 52 noites en 29 países.

PUBLICIDADE