A compostelá Antía Lamas, científica cuántica en AWS, achegará unha charla na Semana da Ciencia do IGFAE

venres, 31 de outubro do 2025 S. P.

Xa que este 2025 está a celebrarse o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, a Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta, achégase desde perspectivas moi diversas a esta disciplina. Esta oitava edición desenvolverase do 8 ao 14 de novembro. O sábado 8 dará comezo a Semana da Ciencia con Ciencia Singular, a xornada de portas abertas organizada por CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS, os cinco centros da USC que forman parte da rede CIGUS. O acto central desta semana será a conferencia de Antía Lamas Liñares, física compostelá que actualmente é científica cuántica principal en Amazon Web Services, liderando o traballo de redes cuánticas nesta multinacional.
Será o martes 11 de novembro ás 20.00 horas na Casa das Máquinas (Galeras, Santiago). Na súa charla, A segunda revolución cuántica: o camiño dende a ciencia á enxeñaría, abordará as oportunidades que ofrece, 100 anos despois, o desenvolvemento da mecánica cuántica para producir novas tecnoloxías e produtos.
Antía Lamas Liñares criouse en Santiago e fixo a carreira de Física na USC. Despois obtivo un mestrado en Óptica Aplicada no Imperial College London, e o seu doutoramento na Universidade de Oxford. Máis adiante realizou unha estadía posdoutoral na Universidade de California Santa Barbara, antes de establecer o seu propio grupo de óptica cuántica na Universidade Nacional de Singapur. Durante o seu tempo en Singapur axudou a lanzar o Centro de Tecnoloxías Cuánticas, do que foi Investigadora Principal fundadora. 
Desde 2010 traballa nos Estados Unidos, primeiro no Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxía e despois no Centro de Computación Avanzada de Texas. En 2019 uniuse a SpeQtral, unha nova firma innovadora de Singapur centrada en comunicacións cuánticas baseadas en satélites, como Científica Cuántica Principal. En 2021 incorporouse a Amazon. 
Espectáculo de maxia A baralla cuántica
Antes da conferencia de Antía Lamas, ás 19.00 horas, a mesma Casa das Máquinas acollerá A baralla cuántica: percepción, información e realidade. Neste espectáculo, o investigador do IGFAE Javier Mas e o mago Kiko Pastur únense, coa axuda do ilusionismo, para representar a perplexidade e confusión que supuxo o desenvolvemento das teorías da mecánica cuántica sobre a nosa percepción e coñecemento. 
Concerto de Sumrrá: 7 Visións e O zoom cuántico
A 8ª Semana da Ciencia do IGFAE tamén se achegará á música da man de Sumrrá, unha das bandas de jazz máis recoñecidas en Galicia, que este ano celebra o seu 25º aniversario. O mércores 12 de novembro (20.00 horas, auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea), o grupo mergullarase na física cun concerto no que se estreará unha peza inédita inspirada na física cuántica. Trátase dunha iniciativa do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o propio IGFAE, co apoio do CGAC.
O repertorio deste recital estará centrado no álbum 7 visións, publicado por Sumrrá en 2021, no que o grupo compostelán asumiu o exercicio inspirador de “coller perspectiva e repropoñerse a través da música a nosa propia existencia”, explican. Xunto as pezas deste álbum, o grupo estreará A oitava visión. O zoom cuántico, unha composición inédita que “xoga coa idea de transición dende a física clásica ata a revolución cuántica, e de como a visión da mesma realidade pode mudar dependendo da posición, proximidade, atención ou tecnoloxía”, expón o trío.
Wikimaratón de Física de Partículas, NerdNite e obradoiro de danza contemporánea
Ademais de iniciativas como a xa clásica NerdNite (xoves 13 de novembro, ás 20.30 horas, na Nave de Vidán), a recta final da Semana da Ciencia inclúe novas iniciativas que pretenden achegarse a novos públicos, como unha Wikimaratón de Física de Partículas (xoves 13 de novembro, 15.30 horas, na sede do IGFAE) e un obradoiro sobre física cuántica e danza contemporánea (venres 14 de novembro, 17.00 horas, CGAC).
A primeira edición do Wikimaratón de Física de Partículas terá o obxectivo de crear contido na Wikipedia en galego relacionado coas áreas de investigación do IGFAE. A actividade está dirixida ao persoal do IGFAE, e aberto a estudantes do grao de Física da USC, titulacións afíns e calquera persoa con interese pola física de partículas. A inscrición pode realizarse en liña.
A NerdNite achegarase á cuántica deste diversas perspectivas, como os reloxos cuánticos, a supercondutividade ou a influencia dos raios cósmicos na computación cuántica, da man, respectivamente, de Angel Paredes Galán (IFCAE-Universidade de Vigo), Jesús Mosqueira Rey (Grupo de Materiais Cuánticos e Fotónica da USC), e Carolina Filgueira Rama (IGFAE).
A Semana da Ciencia pecharase cun novo obradoiro que entretece a física cuántica e a danza contemporánea, coordinado polo investigador do IGFAE Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas. Nel, exploraranse principios como a superposición, a incerteza, o entrelazamento e a observación, e o seu papel á hora de inspirar novas formas de creación e movemento. Deste xeito, o obradoiro convida a artistas, bailaríns e curiosos a habitar o espazo entre o visible e o invisible, o tanxible e o potencial, xerando unha práctica que combina pensamento científico, intuición corporal e experimentación escénica. A inscrición na actividade, limitada a 25 participantes, abrirase proximamente.