A cuarta First LEGO League Galicia xunta este sábado en Ferrol 26 equipos de novos argalleiros

venres, 16 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Este sábado 17 de febreiro celébrase no Auditorio de Ferrol a cuarta entrega da competición First LEGO League Galicia. A xuntanza, na que se agarda xuntar máis de 200 escolares (26 equipos) de Galicia e Asturias, vén da man do Campus de Ferrol e, máis polo miúdo, do profesor da UDC José Antonio Becerra, que é coordinador das actividades. O evento será inaugurado pola vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres. As demostracións dos xogos de robot comezarán ás 10:40 horas. Ao longo da mañá desenvolveranse as distintas probas do evento que concluirá ás 13:45 horas, coa clausura e entrega de premios, nun acto presidido polo reitor, Julio Abalde.
Segundo avanzou os días pasados a organización, o evento ten dúas modalidades: o desafío, para nenos e nenas de 10 a 16 anos; e a modalidade junior, para nenos e nenas de 6 a 9 anos. No caso desta categoría, o obxectivo é “espertar nos máis pequenos a curiosidade pola ciencia e a tecnoloxía”. A súa participación consiste na construción dunha maqueta con pezas LEGO e un póster ilustrativo do seu traballo”.
No desafío, a finalidade é “descubrir a diversión e a emoción pola ciencia e a tecnoloxía” coa proposta dun reto relacionado cun problema do mundo real. Nesta edición, o obxectivo a superar ten que ver co ciclo humano da auga. Así, a rapazada deberá presentar un proxecto científico, e participar nun xogo de robot nun taboleiro relacionado con este “desafío hídrico”. O xurado valorará tamén a integración de valores educativos nos dous casos. Os gañadores da FLL Galicia representarán á Comunidade Autónoma na gran final FLL España que terá lugar en Logroño no mes de marzo, onde, á súa vez, os dez mellores equipos participarán nos torneos internacionais.
A competición First LEGO League Galicia está coordinada polo profesor José Antonio Becerra Permuy, e conta coa colaboración de Santander Universidades, Viaqua, Concello de Ferrol e Deputación Provincial da Coruña. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Colexio de Enxeñeiros Industriais, GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.
Segundo informa a Universidade da Coruña, a First LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.
A continuación damos conta dos equipos que participan na proba deste sábado:
1 INFINITY, Colexio de Fomento Montespiño (A Coruña)
2 AquaTech, Colexio de Fomento Peñarredonda (A Coruña)
3 Men in Blue, Colexio de Fomento Peñarredonda (A Coruña)
4 Crystal Lake, Colexio Internacional de Eirís (A Coruña)
5 Waterbot, IES de Fene (Fene)
6 RECIBÓTICA, CEIP Recimil (Ferrol)
7 Aquours, IES Concepción Arenal (Ferrol)
8 Robolvello, IES Ferrol Vello (Ferrol)
9 C3Clube, ES Ricardo Carballo Calero (Ferrol)
10 CASANOVASQUAD, IES Sofía Casanova (Ferrol)
11 Goteiras, IES San Rosendo (Mondoñedo, Lugo)
12 OS CONSTRUCTORE, IES Virxe do Mar (Noia, A Coruña)
13 WATER BOYS, Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense)
14 SANSABOTICS 3.0, CPI San Sadurniño (San Sadurniño, A Coruña)
15 PrixRoboters, Colexio ISP Laude Palacio de Granda (Siero, Asturias)
16 FrouxiMakers, CPI de Atios (Valdoviño, A Coruña)
Modalidade Junior
1 Aqua Bots, Colexio Internacional de Eirís (A Coruña)
2 Los MEGA-LEGO, Ferrol
3 Los Robots, Ferrol
4 LegoLago, Todo Ocio Education SL (Ferrol)
5 AquaMarín, CEP Sequelo (Marín, Pontevedra)
6 Waterthunder, Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense)
7 WaterSpider, Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense)
8 Water-Superfish, Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense)
9 Lego-Waterman, Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense)
10 FrouxiMakers Junior, CPI de Atios (Valdoviño, A Coruña)



PUBLICIDADE