A cuarta edición de Navega con Rumbo dará acubillo a 220 actividades de divulgación e formación
mércores, 2 de outubro do 2013
O
Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)
tivo tempo estes días, na lea dos preparativos para a
súa cita anual de celebración (este venres en Santiago), para
presentar a nova edición dunha actividade que, como o seu propio
nome indica, encamíñase a facilitar ás novas xeracións os
mellores xeitos de movérense na Rede. A iniciativa Navega
con Rumbo,
que tamén foi presentada pola Consellería de Cultura (entidade
co-responsable da súa posta en marcha e desenvolvemento), chega á
súa cuarta edición con obxectivos renovados e fortalecidos: guiar
aos nosos pequenos e adolescentes cara a unha navegación segura,
“tentando evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso”.

- O conselleiro de Cultura e o presidente do CPEIG, na presentación da nova convocatoria
A
iniciativa insírese no proxecto Abalar, contando con 220 actividades
no seu seo. Segundo fixo saber Cultura, os
especialistas do CPEIG serán os que se acheguen aos diferentes
centros educativos para impartir charlas divulgativas dunha hora de
duración, nas que lles ensinarán aos escolares a navegar por
Internet “dun xeito útil e responsable previndo, ademais do
ciberacoso, a dependencia das novas tecnoloxías”. Navega
con Rumbo tamén
se centrará nas
recomendacións a profesores e pais e nais, “para que eles mesmos
poidan chegar transmitir esas boas condutas aos rapaces e rapazas”.
O
programa estará apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas
polo CPEIG, dirixidas tanto ao alumnado coma ás familias e ao
profesorado, que se poderán descargar en formato electrónico na
web do programa, web na que tamén estará a disposición da
comunidade educativa xogos e ligazóns de interese sobre a temática
do programa. Como
dixemos, trátase da cuarta
edición da
iniciativa tras
a súa posta en marcha hai tres anos. Na primeira edición déronse
90 sesións informativas en centros educativos de Galicia, e no curso
2011/12 chegaron a preto de 140. No pasado curso a cifra elevouse a
200 e, nesta cuarta edición, pertencente ao ano académico 2013/2014
serán 220 accións e outros tantos centros educativos.
