A cuarta edición do Play-Doc de Tui quece motores para arrancar en marzo

luns, 18 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Co principal obxectivo de formar e promover aos novos talentos audiovisuais, Avid e Play-Doc veñen de anunciar a celebración, un ano máis, do Maratón Play-Avid.doc que se levará a cabo no marco do Festival Internacional de Documentais de Tui, do 12 ao 16 de marzo.
Ó igual que nas anteriores edicións do concurso, os participantes seleccionados terán que plasmar toda a súa capacidade creativa na realización dun curto documental que rodarán integramente en Tui durante súa estancia na cidade.
Este ano, como novidade, todos os concursantes do Maratón asistirán a clases de orientación específica sobre preproducción, fotografía e edición impartidas por unha serie de profesionais do medio.
Ademais de achegar oportunidades para a formación dos participantes, un dos obxectivos de Play-Doc e Avid con este curso é facilitar a estes novos creadores a realización das súas longametraxes documentais. Tal é o caso de Nacional VI, o proxecto documental realizado polo galego Pela de Álamo seleccionado na edición do pasado 2007 que este ano será presentado ao público de Play-Doc 2008 como un adianto do que será a longametraxe documental.
A convocatoria para todos aqueles que desexen participar nesta edición do Maratón Play-Avid.doc aínda está aberta e as bases pódense consultar na web do festival www.play-doc.com.