A edición 2018 do Machine Learning Workshop Galicia desbordou previsións de participación

xoves, 18 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Unha imaxe da edición do ano pasado, desenvolvida en VigoA nova edición do Machine Learning Workshop Galicia 2018, o gran acontecemento deste outono arredor das máquinas pensantes e con capacidade de tomar decisións, desbordou finalmente as previsións de asistencia e repercusión. A cita, que se desenvolveu hoxe na sede de Afundación en Vigo, contou coa participación de 170 asistentes, entre especialistas de universidades e centros de investigación e profesionais de empresas.
O simposio, que naceu hai tres anos froito da colaboración entre catro centros de investigación de referencia en Galicia (o centro AtlantTIC da UVigo, o Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA; o CITIC da UDC e o CiTIUS da USC), serviu entre outras cousas para pór de relevo a ampla potencialidade do Machine Learning, un ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai realidade a aprendizaxe de pautas para rendibilizar e mellorar cousas como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do AND, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións para a intelixencia do negocio.

Milagros Fernández, coordinadora do programa

Segundo explicou Milagros Fernández Gavilanes, coordinadora da organización, “a clave da evolución do Machine Learning non está nos tipos de algoritmos, que tamén inflúen, senón na rapidez coa que un sistema é quen de procesar un gran volume de datos”. A investigadora engadiu que os grandes desafíos, neste eido, céntranse en poder aplicar estas tecnoloxías a novos ámbitos, “como por exemplo a ciberseguridade”.
No transcurso da xornada presentáronse máis dunha vintena de traballos científicos, divididos en catro sesións, relativas á aplicación da aprendizaxe máquina en cuestións como a clasificación multilingüe de documentos de texto, as operadoras de telecomunicacións, a detección e o tracking de obxectos en vídeo, os modelos de hábitos de compra de clientes, as técnicas de análise de datos na industria alimentaria, a interpretación de patróns en ondas cerebrais para o control dunha cadeira de rodas, a detección automática de marcas anatómicas na arteria aorta ou a segmentación semántica de nubes de puntos de estradas.

Ana Peleteiro na súa intervención

A conferencia de apertura correu a cargo de Ana Peleteiro, directora de Ciencia de Datos en Tendam (antes Grupo Cortefiel). Peleteiro fixo un percorrido polo impacto actual das tecnoloxías de computación modernas e a dispoñibilidade de grandes cantidades de datos, un impacto que abrangue tanto a industria como o mundo académico. A relatora, que cursou o grao de Enxeñaría de Telecomunicación na UVigo, fixo saber que a día de hoxe case non hai un sector produtivo que non se tivese decatado da importancia da Intelixencia Artificial e da Ciencia dos Datos para os negocios. Por exemplo o da moda, unha industria “moi complexa e multimillonaria que ten impactos económicos e sociais elevados, pero cunha compoñente persoal e subxectiva moi alta, xa que ano a ano mudan as tendencias e os gustos dependen moito da personalidade”. Isto, dixo, fai que as empresas do sector confíen cada vez máis nos datos para enxergar o futuro a curto, medio e longo prazo. Segundo fixo saber, eidos como a Aprendizaxe Profunda (Deep Learning) ou o Machine Learning teñen moitas aplicacións no mundo da moda, por exemplo, axudando a mellorar a segmentación e personalización para campañas de mercadotecnia, as recomendacións de produtos, as buscas, a oferta e demanda, a xestión de stocks ou a actualización de prezos.
O workshop, como dixemos, veu da man de AtlantTIC (Universidade de Vigo), que coordinou o evento coa colaboración do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CiTIUS (USC) o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) e a empresa Imatia. A previsión era contar con 100 persoas (un número semellante ás edicións anteriores) pero finalmente a cifra incrementouse a 170.
Amais das devanditas entidades, participaron no evento a Rede Temática en Tecnoloxías Emerxentes da Información e das Comunicacións (RedTEIC), a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC, os colexios profesionais de Enxeñeiros de Telecomunicación e de Enxeñaría Informática (AETG, CPEIG E CPETIG), o IGAPE e outras entidades entre as que están as tres universidades galegas.

PUBLICIDADE