A editorial de Lugo P5P lanza o seu primeiro libro botando man dos apoios na Internet

martes, 22 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

Presentación da publicación celebrada os días pasados en Madrid

Até o de agora temos falado en Código Cero de múltiples proxectos audiovisuais, tecnolóxicos ou sociais que se teñen materializado, de idea a realidade, a través dos apoios económicos procurados na Rede, sobre todo coa metodoloxía do crowdfounding (moita xente facendo o que poucas persoas, cos tempos que corren, non teñen capacidade de facer). Do que aínda non tiñamos falado con moito detalle é dun lanzamento editorial xerado a través destas técnicas. Pois ben, dende Lugo chegounos os días pasados a nova da publicación de Amateurs, de los blogs a las calles, un libro froito da colaboración por tódolos seus costados: na autoría (dez autores noveis) e no lanzamento en si mesmo. Trátase do primeiro número da colección Estraños Artistas Extraterrestres, e amosa entre outras cousas fotografías e anacos textuais (relatos, poemas) de dez novas/os escritores aloxadas/os no hotel virtual Amateurs Hotel.
Este establecemento dixital é unha comunidade aberta a persoas seareiras da fotografía, a técnica do collage, a literatura e a ilustración, materializándose en seis revistas anuais en liña e agora, grazas á estratexia do crowdfounding, dando o chimpo ao terreo físico, en papel, baixo o selo editorial galego, con base en Lugo, P5P Editora.
A presentación desta primeira achega da colección levouse a cabo os días pasados en Madrid, nun acto cos medios ao que acudiron, falando da súa proposta e asinando exemplares, sete das/os autores, unha boa parte deles procedentes da nosa terra: Alejandra Hernández (Tenerife, residente en Madrid), Álvaro Domínguez (Santiago de Compostela), Nacho López Murria (Valencia), Tatú unha imaxe (Madrid),Greta Bungle (Murcia), Zune Sebastian (Lugo), Vanesa Iglesias (Pontevedra, residente en Barcelona). Tamén fixo acto de presenza Alberto López, co-fundador do Amateurs Hotel e responsábel de arte e deseño da editorial.
Todas/os destacaron a importancia da colaboración e da Rede para poder difundir as súas creacións, ademais de permitirlles dar o chimpo ao mundo das librarías e bibliotecas públicas, “sumando así dous eidos que non teñen porque estar en conflito e si en harmonía: o dixital e o físico”, sinalaron. O agradecemento aos máis de 100 mecenas (moitos deles no evento) que apostaron polo libro, polos autores e por un proxecto editorial innovador foi unánime.
Listaxe completa de autores:
Nacho López Murria (Valencia), Vanesa Igrexas (Pontevedra), Greta Bungle (Murcia), Amparo Balsas (Valencia), Zune Sebastian (Lugo), Davinia Muñoz (Málaga), Álvaro Domínguez (Pontevedra), Laura Beltrán (Castelló), Alejandra Hernández (Tenerife), Tatú unha imaxe (Madrid).
P5P Editora ten previsto publicar en 2013 até tres libros máis: Amateurs #02 e dous pendentes de título e autores que serán hóspedes do Amateurs Hotel, ademais de continuar coa plataforma web de seu e as súas revistas dixitais.

PUBLICIDADE