A empresa TIC Dos Espacios, recoñecida coa distinción C+ polas súas medidas de conciliación

luns, 22 de novembro do 2021 S. P.

JPEG - 66.1 KB
Xuntanza de traballo na que se comunicou a Dos Espacios a nova distinción

A empresa galega Dos Espacios Internet Consulting vén de ser recoñecida coa distinción C+ polas súas medidas de conciliación como Empresa Familiarmente Responsábel. O recoñecemento, en palabras da empresa de Vilagarcía, certifica a súa aposta firme por incrementar a calidade de vida das súas traballadores e traballadores como “estratexia cara ao éxito empresarial”.
Esta aposta, que se fortaleceu con máis medidas de benestar para o equipo de empregados co inicio da pandemia, motivou que a Fundación Máis Familia este ano lle concedera á empresa TIC unha certificación superior (a C+) á que obtivo na primeira edición do programa.
O recoñecemento como empresa EFR outórgase a aquelas organizacións que aplican medidas de conciliación e que poñen a disposición do seu equipo ferramentas que favorecen a flexibilidade laboral co obxectivo de aumentar a calidade de vida dos profesionais e, ao mesmo tempo, manter a calidade do traballo.
Teresa Brianes, socia e directora de Operacións de Comunicación e Mercadotecnia en Dos Espacios, explicou que, “afianzarse como empresa familiarmente responsábel é froito da corresponsabilidade de todas as persoas que forman a compañía. Non é doado para unha peme como a nosa, pero todos podemos adaptar os nosos sistemas e procesos para mellorar a nosa contorna”.
Ao longo dos últimos meses, a firma arousá renovou a distinción EFR para pemes a través da aplicación da certificación 1000-5, que se obtén tras un exhaustivo proceso de planificación, implantación, seguimento e análise de resultados. En 2020, converteuse na primeira peme de capital integramente galego en conseguir este distintivo. Por tanto, esta é a segunda edición na que a empresa galega completa o proceso e obtén a distinción, o que significa que ao longo do último exercicio puxéronse en práctica máis medidas a favor da conciliación.

PUBLICIDADE