A escola de negocios dixitais HUB prepara un gran encontro sobre ciberseguridade e mercadotecnia

venres, 1 de decembro do 2017 Redacción

O vindeiro 12 de decembro, pola tarde, vaise celebrar na Coruña unha importante xuntanza para afondar na innovación empresarial e, dentro dela, a que incide directamente na ciberseguridade e máis na mercadotecnia dixital. No evento, un acontecemento sobre a transformación en dixital nas súas múltiples facianas, participarán recoñecidas/os relatoras/es do noso tecido económico, galegos e con presenza internacional.
A cita vén da man da HUB, que é, como lembraremos, a primeira escola galega adicada de maneira exclusiva a negocios dixitais (poñendo o foco no ecosistema TIC e constituíndo unha comunidade onde se xuntan profesionais, emprendedores, empresas e investidores). HUB, en palabras dos seus impulsores, é “o nexo unión entre as mentes inquietas galegas”.
No evento calcúlase que participarán unhas 200 persoas. Os relatores, nun plano máis concreto, falarán dos perfís con talento dixital máis demandados e as novas técnicas de recrutamento para atraelos, da procura e a aposta polas partes investidoras deses novos talentos dixitais, dos retos aos que se enfrontan as empresas no ámbito da seguridade dixital, das aptitudes, actitudes, habilidades e coñecementos dos novos perfís que se están demandando no eido dixital. Ademais, as sesións retransmitiranse en streaming directo.

PUBLICIDADE