A escolma para a vindeira edición de Sundance ten presenza galega

venres, 14 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Sundance é un festival que naceu con bo pé, nun sitio privilexiado (nas montañas de Utah, no poboado de Park City, á beira das Rocosas) e levado da man dun deses actores raros que semellan ter acadado a compatiblidade entre o feito de ser unha estrela e o de terse comprometido e ben en causas de índole social: Robert Redford. Ditou doutra maneira: estar en Sundance é algo así como abrir a porta axeitada de entre unha longa fileira de portas.
Polo menos, así (palabras máis ou palabras menos) debe ser para a ferrolá Peque Varela que, segundo informan estes días A Voz e Vieiros, foi seleccionada para participar no devandito certame e na modalidade de curtas de animación. O motivo? A súa peza 1977, elixida para concorrer no concurso entre unha cifra nada desprezable de pezas: máis de cinco mil.
O argumento da curta xira arredor dunha cativa que anda á procura da súa identidade nunha cidade pequena. Na Internet hai algúns recursos de interese sobre o tema: a do Festival de Sundance, a da páxina web da Escola de cinema onde estuda Peque Varela (escola inglesa) ou a do sitio da peza en cuestión, onde se inclúe un clip que pinta realmente ben. Tamén fai mención dela Manuel Bragado en Brétemas, achegando a posiblidade de vela.

PUBLICIDADE