A ferramenta galega Dolombo axuda ás empresas no control dos horarios dos traballadores

martes, 14 de setembro do 2021 S. P.

A empresa compostelá Codebit Systems desenvolveu unha solución para facilitar ao máximo o control horario no ámbito, principalmente, das pequenas e medianas empresas. A ferramenta Dolombo, que ten páxina de seu e formato de aplicación móbil para Android e iOS, foi deseñada co obxectivo principal de facer posíbeis (e doados, seguros, inmediatos e fiábeis) os informes que precisan as pemes sobre as horas traballadas do seu equipo laboral. Búscase tamén cumprir coa lei de control horario de empregado “dunha maneira fácil e económica”, explican dende Codebit.
Respecto do control de horas, unha das funcionalidades básicas da plataforma, pódese levar a cabo para un único centro de traballou para varios (os empregados poderán fichar as súas entradas e saídas, así como solicitar vacacións e indicar ausencias). No que atinxe á xeración de análises e de informes, Dolombo posibilita a revisión das horas traballadas por cada empregado, controlar as horas extras realizadas, estudar as ausencias (xustificadas ou non) contemplando os festivos, etc. Amais, permite a emisión de listaxes de entradas e saídas e diversos informes da situación laboral.
Pódese utilizar Dolombo desde calquera navegador web para acceder á información da empresa, 7 días á semana, durante as 24 horas.
Os empregados terán a posibilidade de fichar a distancia desde o seu móbil, con marca de xeoposicionamiento para situar o lugar de fichaxe.

PUBLICIDADE