A festa infantil de JEALSA encheu Boiro de xogos e divulgación tecnolóxica

venres, 4 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 210.4 KB
Un intre dos obradoiros celebrados en Boiro/ Fotos: JEALSA

Boiro foi este sábado un fervedoiro de celebracións, divulgación científico-tecnolóxica e impulso de talentos novos. E foino da man de JEALSA, que organizou a segunda edición da súa festa infantil para a rapazada en Barraña e máis na Cachada. O obxectivo da xuntanza foi celebrar a chegada do outono contribuíndo a facer o “o máis levadía posible a transición do verán cara ao inicio de tempada escolar”. Na segunda edición da Festa #Peixes participaron ducias de nenas e nenos, fillas e fillos da comunidade de traballadoras/es da firma conserveira na comarca do Barbanza.
Desta volta, foron dous os escenarios onde tivo lugar a celebración. Por unha banda, o pavillón de Barraña, que acolleu aos máis pequenos con música, obradoiros infantís e inchables. Alí, informa JEALSA, “pequenos e maiores gozaron durante toda a mañá dun ambiente de festa e xogos”.
A gran novidade deste ano foi a cita de divulgación que organizou a empresa na Casa da Cultura do parque da Cachada, onde se desenvolveron dous talleres para os máis maiores (de 8 a 12 anos) baseados nunha aprendizaxe innovadora co fin de potenciar a creatividade dos nenos e nenas en eidos como a ciencia, a tecnoloxía ou o deseño (o que se coñece como materias STEM, que son as siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
Por temas, abordáronse de cheo cuestións como o deseño e a Impresión 3 D, mostrando ante a rapazada o funcionamento de diversos aparellos e tecnolóxicas e permitindo aos nenos faceren as súas propias creacións. Outro dos recantos temáticos foi o da biotecnoloxía, onde as e os participantes fabricaron os seus propios microscopios (que ao finalizar carrexaron ás súas casas), e observaron diferentes microorganismos que se atopan ao noso ao redor.

PUBLICIDADE