A galega Adiante Ventures presenta un innovador servizo para universalizar a creación de aplicacións móbiles

venres, 21 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

Adiante Ventures, empresa galega que xa ten pasado por Código Cero para amosar o seu sistema para formalizar reservas de taxi a través do móbil, presentou estes días un novo servizo de seu, innovador e potencialmente moi produtivo para todas aquelas persoas que estean a piques de cruzar a liña de usuaria para meterse na pel de deseñadoras-programadoras. Falamos de Adiante Apps, unha estratexia que permite a creación de aplicacións móbiles “de xeito sinxelo, barato e sen necesidade de contar con amplos coñecementos de programación”.
Para facernos unha idea da súa transparencia e simplicidade, no mellor senso do termo, Adiante Ventures sintetiza o miolo de Adiante Apps nun vídeo en liña de pouco máis de un minuto de duración, onde se nos dan os pasos a seguir para tirarlle partido e as áreas produtivas onde máis posibilidades ofrece: pequenas e medianas empresas, negocios de hostalería, comercios, lugares de lecer, centros educativos, conxuntos musicais e mesmo agrupacións deportivas (na liña do club Sociedade Deportiva Castroverde, que publicou recentemente a aplicación de seu, feita sobre o alicerce deste servizo de Adiante). A intención de Adiante Ventures é pór ao alcance da comunidade internauta tecnoloxía de calidade e accesíbel económica e tecnoloxicamente, punto de abondo importante se temos en conta as estreiteces de orzamento polas que estamos a pasar.
Até agora”, explícanos Juan Manuel Merlos, un dos fundadores da empresa, “para ter unha aplicación móbil precisabamos contratar un equipo de desenvolvedores e desembolsar unha importante cantidade de diñeiro; pola contra, nós introducimos unha innovación no modelo de negocio e popularizamos o servizo, facilitando que moitas persoas poidan crear tamén a súa dunha forma económica”, engade.
O sistema ten xeitos de afinar a puntería coa achega de cada quen, igual de económicos. Así, a proba do servizo de Adiante Apps faise mediante outra aplicación móbil da mesma empresa, Adiante Drafts, que se instala sen custe algún. “Esta previsualización do que vai ser a aplicación final é moi importante”, explican dende a empresa galega, “xa que o que se ve é o que se vai a publicar, sen sorpresas”. O pago só se produce cando o creador decide que a súa aplicación estea dispoñible na App Store e Google Play, para iPhone e Android, respectivamente. Adiante Apps encárgase de todo o trámite e avísache cando estea lista, explícan. Asemade, din, “as aplicacións realizadas con Adiante Apps permiten cambios posteriores á súa publicación de forma gratuíta; só hai que entrar na plataforma e engadir ou quitar módulos ou contido”. Aqueles que teñan as aplicacións nos seus teléfonos móbiles recibirán a actualización de maneira automática, directamente e sen instalar nada.
O proxecto
A idea xurdiu, informan dende a firma galega responsábel da iniciativa, porque a maioría das empresas que pedían orzamento para facerse unha aplicación a medida con Adiante Ventures solicitaban funcionalidades para as súas aplicacións moi semellantes, de aí naceron os módulos predefinidos. “A tecnoloxía debe ser unha prioridade para calquera empresa, mesmo para pequenas tendas. Cremos que co noso servizo poñemos ese investimento ao alcance da man”, conclúe Merlos.

PUBLICIDADE