Unha aplicación galega permite reservar taxis mediante o móbil

mércores, 3 de novembro do 2010 Raquel Noya

A empresa galega Adiante Ventures, especializada no desenvolvemento de aplicacións e servizos propios para as plataformas de telefonía de última xeración, vén de desenvolver unha ferramenta tecnolóxica que permite solicitar taxis comodamente a través do móbil (e non precisamente realizando unha chamada pois xa se dá por suposto que se pode facer, aínda que as tarifas existentes fagan que esta acción sexa actualmente catalogada como “de luxo”).
Trátase dunha aplicación xenérica que permite reservar un taxi en calquera punto do país e que cada operadora ou emisora pode adaptar ás súas necesidades, dependendo do que desexe en cada cidade e persoalizando as condicións de cada servizo.
As persoas usuarias teñen que descargar a aplicación no seu smartphone segundo a cidade na que queira pedir o taxi e posteriormente debe dar de alta o seu número de teléfono.
Unha vez inscrito, o usuario xa pode acceder ao proceso de reserva e empregar a súa ubicación mediante GPS para establecer o punto de partida, ou ben introducir directamente unha dirección. A aplicación abre entón un mapa para confirmar o punto exacto de recollida e o usuario introduce unha dirección de destino, unha data e unha hora á que quere usar o servizo de taxi.
Con estes datos, a aplicación ofrécelle ao usuario un resumo do servizo desexado, indicando o prezo, a distancia e o tempo aproximado da carreira. O usuario ten entón que aceptar a reserva, que lle será confirmada por SMS.
As vantaxes de empregar esta aplicación, ademais do aforro de tempo e cartos, residen en que non fai falla ter o número de teléfono da operadora local para solicitar un taxi (algo especialmente útil cando se está nunha cidade descoñecida) así como a transparencia do servizo, que sempre proporciona tranquilidade ao usuario.
A aplicación que xa se usa en Madrid e Jaen, é de balde, e está en español e inglés, o que a fai accesible a turistas ou extranxeiros.
Para descargar a aplicación abonda con buscala polo nome do operador ou por “taxi+cidade” no marketplace correspondente de iPhone (App Store), Android (android market) e proximamente para BlackBerry (App World).

PUBLICIDADE