A galega Alén, semifinalista nos premios da Fundación Everis ao emprendemento

luns, 4 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A firma galega Alén vén de chegar á semifinal dos premios da Fundación Everis ao emprendemento, co que se coloca nunha posición óptima para chegar ao remate do certame e aspirar aos 60.000 euros que se ofrecen ao proxecto gañador. Alén, para quen non o saiba, é unha spin-off da Universidade de Vigo centrada no desenvolvemento de tecnoloxía espacial. A firma galega chegou ás semifinais (categoría tecnoloxías industriais) tras competir cun milleiro de proxectos procedentes dunha vintena de países. A proposta coa que obtivo o billete para a recta final do concurso consiste no desenvolvemento de satélites de baixo custe co estándar da Axencia Espacial Europea.
O concurso inclúe dúas semifinais, unha xa celebrada en Madrid e outra prevista para xullo en Barcelona. Na de Madrid tamén foron semifinalistas FoxID na categoría de novos modelos de negocio dixitais e Somax na de saúde. Estas tres compañías competirán en datas vindeiras con outras tres que se escollerán en xullo en Barcelona, por un premio cunha dotación económica de 60.000 euros para o desenvolvemento da empresa e un paquete de servizos de asesoramento, valorado en 10.000 euros. O xurado do premio, integrado por executivas e executivos de grandes compañías dos sectores científicos e tecnolóxico, avalía os niveis de innovación, o potencial de medre, a pegada social e a calidade do proxectos presentados a estes galardóns, que xa suman dezasete edicións.
Os responsábeis de Alén decidiron concorrer aos galardóns da Fundación Everis “porque son un grande escaparate de visibilidade e un premio moi valorado, xa que é global e ademais o grupo Everis ten diversas liñas entre as que se atopa o espazo”. En canto ás posibilidades que consideran que poden ter de gañar o premio, comentan que “un sempre que chega á final cre que a pode gañar, desde a humildade e sendo conscientes de que chegar ata aquí xa é un premio. Descoñecemos os proxectos que se presentarán en Barcelona, pero se teñen o nivel que vimos en Madrid será complicado, xa que había grandísimos proxectos”, destacan. Un dos integrantes de Alén, Antón Vázquez, lembra que neste intre a firma atópase en fase precomercial, aínda que levan traballando como grupo desde o ano 2007 e dentro do programa Ignicia desde setembro.

PUBLICIDADE