A galega Altia impulsa a utilidade dos datos públicos do Cabildo Insular de Tenerife

martes, 28 de decembro do 2021 S. P.

O Cabildo Insular de Tenerife adxudicou á tecnolóxica galega Altia un contrato de dous anos para a prestación do servizo de desenvolvemento, xestión, mantemento, evolución e difusión do portal de datos abertos, Open Data Tenerife, que ten como obxectivo converterse nun referente insular na difusión e utilización de datos abertos.
Con este proxecto, o Cabildo pon a disposición dos cidadáns, as empresas, os investigadores e outras institucións públicas os recursos de información publicados no dito portal a través dun portal que facilita a súa reutilización e difusión por parte de persoas e sistemas informáticos. O obxectivo é “contribuír á transparencia da institución e fomentar o goberno aberto”, tirando proveito do potencial social, económico e innovador que pon en xogo este tipo de coñecemento sen cancelas.
A empresa galega Altia reflicte que os principais beneficios deste proxecto son que “permite ao Cabildo mostrar os servizos creados con datos abertos; facilitar a federación de open data doutros organismos dependentes do Cabildo; impulsar a creación dunha comunidade e un ecosistema en Tenerife ao redor deste coñecemento; profundar na automatización dos procesos de extracción, transformación e publicación de datos abertos, e garantir o aliñamento dos avances cos obxectivos definidos en Tenerife 2030 e o Marco Estratéxico de Desenvolvemento Insular (MEDI) 2016-2025”.
En palabras de Manuel Saz, director asociado de Altia, “este proxecto reforza a posición da nosa empresa como compañía experta no tratamento de datos, colaborando coas administracións públicas locais no desenvolvemento e implantación de iniciativas tendentes a facilitar o uso de información fidedigna por parte de cidadáns e empresas co fin de contribuír ao desenvolvo socio económico do país”.
A empresa con sede en Oleiros conta para este proxecto con perfís profesionais con ampla experiencia e alta cualificación en tecnoloxías moi específicas, como ETL (transformación de datos), CKAN, Python ou CMS, todas elas tecnoloxías OpenSource, e “sen esquecer outros perfís vitais para esta iniciativa, na que divulgación á sociedade para o seu posterior uso e aproveitamento ten un papel predominante, como os de áreas como mercadotecnia ou legal”, engade a compañía galega.

PUBLICIDADE