Ayco, empresa galega especializada no desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas, foi elixida pola multinacional Vodafone para levar a bo termo o proceso de mobilización da súa rede de centros de instalación en España. Isto significa entre outras cousas que a operadora está a botar man de tecnoloxía galega para dar corpo ao dito proxecto, máis polo miúdo da tecnoloxía BlackPen da devandita firma con sede principal en Vigo. Vodafone, a primeira empresa do seu sector que implantará esta tecnoloxía, tiraralle partido para automatizar a xestión da información no seu servizo técnico. Cómpre lembrar que entre as vantaxes que achega BlackPen atópase a de converter en datos os apuntamentos manuscritos dos partes técnicos e transmitilos, de xeito inmediato e previo o emprego dun bolígrafo dixital, á central de operacións.
“Con esta tecnoloxía”, informa Ayco, “Vodafone automatizará totalmente a xestión da información no seu servizo técnico de instalación e reparación”. O funcionamento do sistema achegado pola firma galega é ben sinxelo. Para comezar, só é preciso o devandito bolígrafo dixital como alicerce do equipamento primeiro, ao que cómpre engadir un teléfono móbil ou tablet. A partir de aí, o traballador estarán en disposición de transmitir á devandita central a hora de chegada ao lugar da incidencia e a hora de inicio do traballo, pudendo descargar de xeito automático os datos técnicos relativos á intervención e, cando esta fique solucionada, subministrar á central o parte técnico e a hora de finalización. “Todo isto”, engade Ayco, “en tempo real”.
As vantaxes son evidentes, pero a empresa galega ten datos ao respecto para despexar dúbidas: empregando estas solucións, Vodafone será quen de reducir ata un 40% o tempo de xestión unha incidencia e aforrará unha importante cantidade en custos administrativos. Ademais, engade a compañía galega, terá a capacidade de informar en tempo real aos seus clientes de cuestións que antes se adiaban varios días.
A tecnoloxía, que se está a implantar en tódolos servizos técnicos de Vodafone en España, é xa de uso común entre uns 120 operarios da compañía, aos que se irán engadido practicamente un milleiro de técnicos nos vindeiros meses.
“A tecnoloxía BlackPen é o futuro para a xestión de calquera servizo técnico: axiliza a tramitación dos partes de incidencias ou instalación, elimina riscos de perda de datos, permite calcular con total precisión tempos de intervencións e facilita o traballo dos técnicos que, en tempo real e desde o lugar da intervención, acceden á información que necesitan para realizar a reparación”, cóntanos Moisés Mateo, director de Desenvolvemento de Negocio de Ayco, para quen está claro que outra das claves do éxito do desenvolvemento é o dado que resulta para o seu emprego.
A galega Ayco achega a súa tecnoloxía na dixitalización do servizo técnico de Vodafone
Compartir Este Artigo

