A galega Balidea é a única firma non danesa do novo acordo marco de proxectos de Copenhague

luns, 20 de decembro do 2021 S. P.

A firma galega Balidea, con sede principal en Santiago e centrada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas, vén de converterse na única empresa non danesa homologada no acordo marco para consultoría e execución de proxectos da cidade de Copenhague. Esta homologación, que ten unha validez de catro anos, conseguiuna xunto ao seu socio local Kruso. O resto das empresas homologadas neste acordo marco son FFWW, Eksponent, REload e Netcompany.
“Esta homologación supón un novo logro para Balidea”, sinalan fontes da empresa, poñendo o foco na importancia de ter acadado este fito “nun país no que cada ano o sector público gasta uns 40 mil millóns de euros en bens e servizos proporcionados por empresas privadas”.
Tamén en asociación coa empresa local Kruso, Balidea xa foi homologada no anterior acordo marco, polo que desenvolveu diversos proxectos para o Concello da capital danesa vinculados ao seu ecosistema web, que dispón de máis de 300 sitios web de servizos aos seus empregados e cidadanía. Un dos máis recentes, foi o desenvolvemento en Drupal9 do novo portal Evento, que aglutina un total de 32 webs do concello de Copenhague.
Balidea, que chegou a Dinamarca en 2012, conta no país nórdico coa confianza de institucións como a Axencia Danesa da Enerxía, un dos seus principais clientes neste país.