A galega Boardfy vaise a Silicon Valley da man do Spain Tech Center, que terá presenza en Israel

luns, 9 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe presentáronse dúas iniciativas de interese para as empresas galegas que estean concibindo plans de espallamentos. Unha delas é o Spain Tech Center en Israel, unha iniciativa que tende pontes no mundo, dende Oriente Próximo, para empresas innovadores do ámbito estatal. A nova foi dada a coñecer por Red.es e ICEX España Exportación e Investimentos, que tamén informaron de cal será a sede do centro tecnolóxico: Tel Aviv. Por certo que o centro israelí é un novo chanzo do proxecto Spain Tech Center, creado en 2011 polo Goberno español en San Francisco, co obxectivo de “asesorar e acompañar ás empresas españolas no seu acceso ao mercado norteamericano”. A outra nova achegada hoxe é, precisamente, a confirmación dun novo equipo estatal en dirección a California, equipo que no toma parte a viguesa Boardfy, innovadora plataforma de seguimento de prezos en liña.
Segundo confirmaron hoxe, polo STC pasaron xa máis de 700 emprendedores e 500 empresas. Ademais, dixeron as ditas entidades, máis dun 80% das empresas participantes nos programas de inmersión en San Francisco captaron clientes en Estados Unidos.
O novo paso confirmado hoxe, o Spain Tech Center de Israel, basea os seus obxectivos na bonanza tecnolóxica e empresarial que vive o país, un dos máis emprendedores do mundo en materia de novas tecnoloxías e que, ademais, mostra unha vantaxe salientábel para as empresas chegadas de fóra: trátase dun mercado pequeno onde, porén, os novos negocios nacen cunha marcada visión global, “aspecto este de máximo interese para proxectos estatais de alicerce tecnolóxici con necesidade de escalar”. A isto cómpre engadir o feito de que un bo número de corporacións teñan os seus centros mundiais de I+D+i en Tel-Aviv, onde non só desenvolven tecnoloxía propia senón que tamén buscan innovacións.
Rede.es e ICEX achegarán a este novo STC un orzamento total de 600.000 euros para xestionar a participación de empresas españolas a través de actividades de asesoramento, formación e programas de aceleración.
Este anuncio realizouse no marco do programa de inmersión de primavera de STC en San Francisco que comezou hoxe na sede de Red.es. As 10 empresas participantes, entre as que se conta a galega Boardfy, foron seleccionadas por desenvolver un produto ou servizo de alto valor tecnolóxico e con tracción de mercado demostrábel. O dito programa de Silicon Valley, que vai pola súa sétima edición, inclúe formación (do 9 ao 10 de abril nas instalacións de Red.es) e dúas semanas intensivas de obradoiros especializados, sesións con empresas emblemáticas, reunións con investidores e eventos de networking (do 23 de abril ao 4 de maio de 2018 en San Francisco).
A relación de startups seleccionadas é a seguinte:
· Boardfy: (martech/ mercadotecnia dixital / comercio electrónico) é unha ferramenta para o seguimento de prezos de competidores en liña que permite automatizar o proceso de fixación de prezos en función do comportamento do mercado.
· Checkealos: (experiencia de usuario / mercadotecnia dixital) é unha plataforma de análise e optimización da experiencia de usuario e coñecemento do cliente.
· Ecertic: (identidade dixital / biometría / ciberseguridade) abrangue ferramentas de contratación electrónica, identidade en liña e sinatura dixital con garantía legal.
· JVSP: (e-learning) é unha plataforma de ensino en liña que promove a conversación e participación dos usuarios.
· Last Mile: (transporte / cidades intelixentes) é unha plataforma de optimización do transporte de última milla.
· ShopAdvizor: (mercadotecnia dixital / analítica de datos) é unha comunidade en liña que interconecta consumidores, tendas e marcas, na que os consumidores proban novos produtos de forma gratuíta a cambio de achegar a súa opinión e de xerar contido de valor.
· Valeet: (transporte / turismo) é unha aplicación móbil de servizo de aparcacoches nos aeroportos.
· Wallbox: (transporte / coche eléctrico) adícase á fabricación e comercialización de solucións de carga de baterías de vehículos eléctricos e híbridos.
· Wenalyze: (fintech / insurtech) trátase dunha erramenta de análise dos perfís de risco dos clientes de bancos e aseguradoras, dos seus estilos de vida e dos seus trazos de personalidade.
· Woom: (saúde / benestar) é unha aplicación móbil que axuda ás mulleres a ficar grávidas.

PUBLICIDADE