A empresa galega Denodo Technologies, centrada en servizos de xestión virtual de datos, ten máis novidades que contar sobre a súa carreira en Norteamérica, onde conta cunha sede de seu en Palo Alto (Estados Unidos, California). Se hai uns días falabamos nesta web do interese amosado na súa plataforma de virtualización polo Departamento de Vivenda dos Estados Unidos (interese que rematou coa contratación dos servizos da empresa galega), agora é a quenda de falar de B&W Pantex, compañía ligada ao Departamento de Seguridade Nacional do Goberno de EE UU e que vén de decantarse tamén pola plataforma de raizame galega para integrala nas súas instalacións e “permitir a entrega áxil e segura da información que manexan nos seus diferentes proxectos”, explica Denodo.
Lembrar que B&W Pantex é o contratista principal do Departamento de Enerxía Nuclear da Administración da Seguridade Nacional (NNSA) de Estados Unidos, integrado dentro do Departamento de Defensa. A Plataforma Denodo 5.0 vai permitirlle a Pantex completar os proxectos máis rápido, aumentar a seguridade e reducir os custos de mantemento. Segundo engaden fontes da firma que dirixe o galego Ángel Viña, “a supervisión e o control do arsenal de armas nucleares implican procesos numerosos e complexos, incluíndo o desmantelamento de armas, as probas de control e a eliminación de materiais nucleares e non nucleares”; eidos de actividade que precisan robustos sistemas de xestión da información. Aí entra en xogo a plataforma de virtualización de datos de Denodo Technologies, que foi seleccionada como a peza base para a Contorna Dixital Integrada (IDE), ferramenta crave da NNSA para facer fronte ás necesidades de información, programa PRIDE (Product Realization Integrated Dixital Enterprise). Patrocinado pola NNSA, e cun financiamento de ao redor de 30 millóns de dólares ao ano, o programa PRIDE é unha iniciativa plurianual que dá soporte ás operacións e os novos desenvolvementos dunha ampla carteira de aplicacións e que garante a seguridade da información.
A ferramenta de virtualización de datos de Denodo está a axudar a Pantex a acadar “unha significativa redución de custos e dos tempos de realización de proxectos, e mediante a redución de riscos, a elevar o nivel da seguridade”. Pantex conseguiu xa un 15% de retorno sobre o investimento en tan só tres meses de funcionamento da plataforma, engade a empresa galega. En palabras de Ángel Viña, Fundador de Denodo Technologies, “este proxecto é un excelente exemplo de como a virtualización de datos pode axudar ás organizacións a mellorar o seu rendemento xeral e a eficiencia; agardamos poder continuar axudando a B&W Pantex a extraer maior valor dos seus proxectos de virtualización de datos e facelo xerando ROI demostrables”.
A galega Denodo optimiza os procesos dunha firma ligada ao Departamento de Seguridade Nacional de EE UU
Compartir Este Artigo
