A galega Ednon leva as tecnoloxías máis punteiras a Panamá
venres, 26 de agosto do 2016- Construcción da Cidade da Saúde en Panamá
A firma galega Ednon,
centrada no desenvolvemento de novas tecnoloxías avanzadas, vén
de achegar un reconto da súa actividade despregada en Panamá,
unha andaina centroamericana da
que falamos polo miúdo en Código Cero con motivo de anunciar a súa
contribución para a posta en marcha dun megahospital. Segundo
informan fontes da compañía, a súa traxectoria no devandito país,
lonxe de rematar, segue adiante e coas mellores expectativas. De
feito, logo da súa participación no dito complexo de saúde e nas
obras recentes da Canle de Panamá (instalando sistemas de vixilancia
e megafonía), Ednon acadou a adxudicación doutros dous proxectos
tecnolóxicos en activo até 2018.
Como lembraremos, a firma
ten a sede central en Compostela e delegacións en Valladolid, Madrid
e Cidade da Panamá. A súa actividade céntrase sobre todo nos
ámbitos da seguridade, as comunicacións e os servizos TIC
avanzados.
Polo que respecta aos
proxectos adxudicados, sinalar que un deles consiste en fornecer
recursos para a xestión do sistema de control de accesos de
vixilancia da devandita Cidade da Saúde, macrocomplexo onde Ednon
tivo oportunidade de fornecer igualmente equipamento de distribución,
sistema de cable estruturado e electrónica de rede. O outro proxecto
conseguido implica o desenvolvemento de traballos de consultoría
para a plataforma de Sistemas do Ministerio de Sanidade de Panamá.
Polo que atinxe a Ednon,
dicir que é unha empresa galega especializada na integración de
servizos avanzados TIC. Fundada no ano 2004, e de capital privado
independente, opera en todo o territorio español a través das súas
oficinas en Santiago de Compostela, Valladolid e Madrid e no eido
xeográfico Latam&Caribe a través da súa filial Ednon
International, S.A. localizada en Panamá, país onde encetou a súa
andaina hai agora seis anos e grazas ao cal obtén xa boa parte da
súa facturación.