A galega Galvintec presenta Moodular, unha solución integral para o comercio electrónico

venres, 10 de novembro do 2023 S. P.

Unha parte importantes das principais empresas e expertos do sector a nivel nacional de venda en liña reuníanse este xoves 9 de novembro en Pontevedra no encontro Ecommerceday, organizado polo Cluster do E-commerce Galego Mercadotecnia4eCommerce. Co gallo desta celebración a empresa Galvintec, firma TIC do Grupo Alvariño especializada en desenvolvementos para o e-commerce, presentaba Moodular, unha plataforma 4.0 que permite xestionar de maneira integral todos estes procesos incluídos na venda online.
Segundo explicaron os responsábeis de Galvintec, “as empresas con canles de venda en liña precisan unha solución integral e eficiente para a xestión do seu inventario, a sincronización cos marketplaces nos que comercializan os seus produtos e a optimización da súa loxística”. Para afrontar estes problemas nace Moodular e dar resposta a esta necesidade das pemes no seu salto ao mercado online, Galvintec ideou esta solución dixital punteira con selo galego.
Segundo Moisés Mateo, o director de Operacións (COO) de Galvintec: “Moodular é unha plataforma baseada na nube que inclúe solucións de comercio electrónico nativas, módulos específicos para a sincronización cos marketplaces e unha solución de Software de Xestión de Almacéns (SGA) de última xeración para a optimización da loxística”. Engadiu que “ao achegar solucións de e-commerce nativas e nunha soa plataforma, con Moodular as pemes (pequenas e grandes empresas) poden evitar a necesidade de adquirir e configurar solucións de terceiros, aforrando tempo e reducindo o custo da xestión da súa canle dixital, e permitindo ademais personalizar estas solucións á medida da empresa”.
Con Moodular, desde unha única plataforma as empresas poden comercializar en múltiples canles (web propia ou marketplaces), chegando a un público máis amplo e aumentando así a visibilidade dos seus produtos e as súas posibilidades de venda. Desde esta ferramenta, tamén poden acceder a toda a información en tempo real: estado dos pedidos, métricas de vendas e xestión do inventario, todo iso coa máxima facilidade de uso. Traducíndose isto nunha aprendizaxe do seu manexo moi doada por parte do equipo e fai que o proceso de vendas incremente a súa eficiencia.
En resumo, Moodular proporciona unha solución integral que axuda ás empresas a xestionarse de maneira eficiente e a optimizar as súas vendas en liña.
Por outra banda, o crecemento da canle de venda dixital implica para as empresas a necesidade de optimizar a xestión dos seus almacéns. Para iso, Galvintec presentou tamén unha segunda ferramenta que complementa a xestión integral que dá Moodular. Trátase de SmartGecko, unha solución que combina recursos punteiros baseados na Intelixencia Artificial e a realidade aumentada para avanzar cara a un modelo de almacén 4.0.
O proxecto, froito do traballo conxunto liderado por Galvintec, con Amodo Soluciones eSIMER-Grumerosa, é un dos desenvolvementos seleccionados no Programa ConectaHubs da Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), dirixido a promover accións colaborativas entre empresas nas áreas de especialización dos hubs de innovación dixital estratéxicos para a Comunidade. SmartGecko permite aproveitar mellor o espazo, aforrar en custos de desprazamento polo almacén, mellorar a precisión no proceso de picking, automatizar tarefas de rexistro e minimizar erros, facilitando en toda a cadea o traballo do persoal de almacén coa tecnoloxía 4.0 como aliada.

PUBLICIDADE