A galega GamersWalk quere revolucionar os eSports convertendo ao usuario en parte activa

mércores, 19 de abril do 2017 Redacción

Entre as empresas estatais de meirande proxección en materia de eSports (deportes dixitais) atópase a galega GamersWalk, start-up tecnolóxica emprazada en Oleiros e posta en marcha por catro emprendedores, tres dos cales da nosa terra. GamersWalk, para quen non o saiba, é o nome co que se coñece unha plataforma de lecer dixital que se diferenza en boa medida do resto de competidoras na súa vontade de converter ao usuario en protagonista do xogo. Este mes de abril GamersWalk celebrou o seu cuarto mes de actividade, un treito de tempo que deu para moito: para acadar a cifra de 25.000 usuarios e para rexistrar picos de concorrencia e participación de até 4.500 persoas conectadas ao mesmo tempo (e gozando cunha partida a través dun mesmo streaming).
Recentemente GamersWalk deixou clara a súa proxección ao ser adquirido o 20% da empresa polo empresario Rafael Contreras, fundador e presidente executivo da firma aeronáutica Carbures.
A orixe desta start-up tecnolóxica de Oleiros hai que rastrexala en xaneiro de 2015, cando os emprendedores Jon Torrado e Manuel Alexandre Rivas comezaron a dar forma á semente da plataforma. Tras un ano de “intenso traballo”, un ano despois incorporouse ao proxecto o equipo liderado por Juan Carlos Barros, hoxe en día presidente da sociedade. A culminación deste proceso chegou recentemente, co importante investimento realizado polo fondo impulsado por Rafael Contreras (unha contía de 600.000 euros). Froito deste novo pulo, foi a posta en marcha, na súa versión 1.0, da plataforma de deportes electrónicos propiamente dita, GamersWalk tal e como a coñecemos, que arrincou o pasado mes de decembro cos vimbios preparados e ultimados para afrontar un decidido proceso de internacionalización.
A plataforma inclúe entre outras cousas “un sistema único de preguntas e respostas”, en palabras dos seus responsábeis, cousa que favorece a participación dos usuarios como parte activa dos xogos e como destinatarios dunha serie de agasallos a través das súas partidas ou sesións de streaming favoritas. O resultado é un servizo que abrangue xa máis de 100 streamers empregando a fondo a plataforma.
Segundo informou Contreras logo do seu investimento, GamersWalk “é unha plataforma única e con proxección, onde os usuarios son parte moi activa no proceso e xa non son meros espectadores, e que confirma que entramos definitivamente nunha nova era para a visualización dos eSports”.

PUBLICIDADE