A galega Krasis estrea un blog especializado no marketing por correo electrónico

xoves, 13 de decembro do 2007 Raquel Noya

A empresa galega de teleformación e marketing directo, Krasis, vén de pór en marcha (por primeira vez en Galiza, segundo apuntan os seus responsables nun comunicado) o portal theemailingexperience.com, un blog dedicado ó ámbito da mercadotecnia por correo electrónico que, entre outras cousas, da a coñecer as últimas tendencias, curiosidades, estudos e conceptos da estratexia da promoción en xeral.
Segundo apunta Krasis, trátase dunha ferramenta de venda directa que resulta moi efectiva polas súas posibilidades de persoalización, a inmediatez de resultados e o seguimento preciso que achega. Vai dirixida a profesionais de marketing e a todos aqueles que queiran entrar en comunicación directa co seu público obxectivo, así como a aqueles que procuran axilizar o traballo en Internet co correo electrónico ou fidelizar á súa carteira de clientes.
A posta en marcha do devandito caderno xurdiu para dar resposta á crecente demanda de información e apoio por parte dos profesionais do marketing e segundo afirman os seus creadores, ten “vocación internacional” polo que os seus contidos están dispoñibles en castelán e inglés.

PUBLICIDADE