A galega Netun presentará en Motortec as súas avanzadas tecnoloxías de seguridade na estrada

xoves, 7 de abril do 2022 S. P.

Netun Solutions, empresa galega de tecnoloxía ao servizo da seguridade, confirmou que estará presente na feira internacional Motortec (Madrid, entre o 20 e o 23 de abril), centrada en mostrar o máis avanzado do mercado en materia de automoción. A firma con sede en Vigo contará cunha caseta de 120m2 no pavillón 7 de IFEMA, no que presentará os seus dous produtos tecnolóxicos estrela para este ano: o novo Help Flash IoT Connected by Vodafone e a plataforma de mobilidade Incidence.
Help Flash IoT Connected by Vodafone
Por primeira vez desde que fose anunciado o seu lanzamento, Netun Solutions presentará o Help Flash IoT Connected by Vodafone, a primeira baliza V16 conectada, que permite aos condutores contar cun extra de seguridade nos desprazamentos e reducir os tempos de espera en caso de emerxencia na estrada.
Segundo lembra Netun, trátase dun dispositivo que cumpre non só coa función de sinalizar un vehículo na vía en caso de accidente ou avaría senón que tamén, tras a súa activación, conéctase á plataforma DXT 3.0 enviando a xeolocalización do vehículo e permitindo situar de forma rápida o lugar no que se rexistrou o contratempo. A plataforma ten capacidade para avisar dun posíbel obstáculo aos demais condutores e usuarios da vía ben sexa a través dos paneis de información variábel, dos navegadores ou dos futuros sinais V27.
Plataforma de mobilidade Incidence
Incidence é unha plataforma de mobilidade que conecta a todos os axentes implicados na vía. A través desta tecnoloxía da empresa galega, empresas de conservación de estradas, aseguradoras, condutores, ciclistas e administracións estarán interconectadas en prol “dunha maior seguridade viaria”, sinalan fontes de Netun, lembrando que para a súa materialización contou coa colaboración de varios fabricantes de automóbiles, aseguradoras de primeiro nivel e operadores de estrada.
Catro relatorios
Ademais de presentar os seus produtos principais Netun Solutions realizará durante os días 20 e 21 de abril catro relatorios nas que se analizarán temas de actualidade tales como: conectividade IoT (siglas en inglés de Internet das Cousas) e seguridade viaria ou melloras na condución para persoas con mobilidade reducida.
Nestas presentacións participarán relevantes figuras do sector da automoción como o son: Jorge Ordás, subdirector xeral de xestión da mobilidade e tecnoloxía da DXT, o célebre copiloto galego Luis Moya ou Joan Lascorz, primeiro piloto tetrapléxico en competir no Dakar, entre outros.

PUBLICIDADE