A galega Optare Solutions, proposta por BME aos premios European Small Mid-Cap Awards

mércores, 28 de maio do 2025 S. P.

A empresa tecnolóxica galega Optare Solutions foi proposta por BME como unha das empresas que representarán os mercados españois na próxima edición dos European Small and Mid-Cap Awards.
Estes galardóns, promovidos pola Comisión Europea, European Issuers e a Federación de Bolsas de Valores Europeas (FESE), recoñecen cada ano a compañías europeas de pequena e mediana capitalización que “destacan polo seu crecemento, a súa capacidade de xestión e a súa achega ao desenvolvemento económico”.
Optare foi seleccionada na categoría Star of Innovation, que distingue a aquelas empresas que sitúan a innovación no centro da súa estratexia de desenvolvemento. A proposta recoñece o traballo da compañía no deseño e posta en marcha de solucións tecnolóxicas avanzadas para operadoras de telecomunicacións e provedores de servizos dixitais, cun enfoque claro na automatización, a eficiencia operativa e a adaptación a contornas altamente esixentes.
A proposta foi anunciada o martes 27 de maio durante a primeira xornada do Foro MedCap 2025, que se celebra esta semana na Bolsa de Madrid.
O evento, organizado por BME, reúne a máis dun centenar de empresas cotizadas, investidores institucionais e analistas.
Para Optare, “esta consideración pon en valor un modelo de negocio con máis de vinte anos de traxectoria, unha ampla proxección internacional e unha estratexia baseada na innovación, a especialización e a mellora continua, unha distinción que reforza o noso posicionamento no ecosistema europeo de empresas tecnolóxicas con potencial de crecemento”.