A galega Optare sitúase á fronte das consultoras tecnolóxicas estatais
venres, 27 de abril do 2018
A
consultora galega Optare
Solutions, radicada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo e
especializada en achegar recursos avanzados ao sector das
telecomunicacións (amais de ser impulsora de Optare Ventures,
iniciativa de investimento en capital semente), vén de facer balance
do acadado ao longo da súa traxectoria. Segundo veñen de informar
os responsábeis da compañía, Optare foi quen de pasar de ser unha
microempresa local “a consolidarse como unha das principais
consultoras nacionais especializadas no sector Telco”, con máis de
150 profesionais. Estes e outros datos foron achegados durante a
visita ás instalacións centrais da empresa da delegada do Consorcio
da Zona Franca, Teresa Pedrosa.
Durante
a estadía de Pedrosa nas oficinas de Optare, o seu director xeral,
Luis Alves, lembrou cales serían os elementos clave que lle
permitiron á firma galega continuar coa internacionalización e o
desenvolvemento ao longo destes anos: a aposta polo medre e a
innovación. Alves tamén recordou as orixes de Optare, en 2002, e de
como dende aquela foi quen de converterse nun “referente en
emprego” e máis un exemplo de empresa innovadora, tal e como se
refire no informe Ardán do ano pasado. Segundo fixo saber, só seis
firmas galegas acadaron nesta edición a máxima categoría de 5
estrelas no indicador de Empresas Innovadoras 2017.
Cifras
salientábeis
Ao
peche do pasado exercicio 2017, o medre da compañía situábase no
50%, cunha facturación fóra de España que xa alcanza o 25% do
total. Segundo fixo saber Alves, a diferenciación estratéxica de
Optare pasa por ofrecer “un servizo integral de asesoramento aos
seus clientes, acompañándoos ao longo de todo o proceso e atendendo
as súas necesidades tecnolóxicas”. Segundo engadiu, a día de
hoxe “a empresa atópase situada moi por riba da media galega, en
canto a innovación, medre e máis espallamento internacional; o que
tamén a consolida como un socio estratéxico para proxectos
tecnolóxicos globais”.
Durante
a visita da delegada, que estivo acompañada por Rosa Eguizabal,
directora de Promoción Económica, e Teté Vilar, Responsable da
área de Emprendemento, a dirección de Optare explicou os seus plans
de impulso, que lle permitirán continuar apostando polo talento
galego e ampliar o seu persoal actual de máis de 150 profesionais
que desenvolven o seu traballo desde as oficinas de Vigo, Ourense,
Madrid e Cidade de México.