A galega Pexego presenta un sistema de compras que permite a consulta sen conexión á Rede
xoves, 26 de abril do 2007
O emprego de aplicacións baseadas nas posibilidades das novas tecnoloxías da información e da comunicación pode permitirnos chegar a mercados (ata non hai moito) inaccesibles e facilitármonos o acceso a todo tipo de produtos. Neste senso, Pexego (empresa galega radicada en Lugo e especializada en solucións para Internet), vén de desenvolver un innovador catálogo central de compras (podemos velo nesta ligazón) para as empresas que ten a peculiaridade de poder ser consultado e empregado con ou sen conexión á Rede.
O devandito catálogo permite ós comerciais deixar nas súas visitas un CD que calquera usuario pode consultar, co fin de seleccionar calquera produto ou solicitar a petición de compra nunha conexión posterior. Ademais, estamos a falar dunha ferramenta doada de manexar, segundo informa o xerente de Pexego, Gonzalo Núñez, para quen é crucial o feito de que sexa unha aplicación en código aberto, “co que se podería actualizar sen intervención de persoal informático”.
Este sistema de compras conta co respaldo da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, que lle outorgou a máxima cualificación no último proceso de concesión de axudas TIC e co de EGANET, a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet, que distinguiu recentemente a aplicación de Pexego como un dos mellores produtos desenvolvidos na nosa terra durante o último ano.
