A galega Primux Tech presenta este mes tres novos e competitivos smartphones

martes, 15 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

Primux Tech, empresa galega da que temos falado en Código Cero con motivo da posta en marcha da súa Android TV ou dos seus dispositivos Alpha e Omega, vai celebrar o vindeiro 24 de outubro, no salón de actos do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a presentación oficial dos seus novos smartphones, que sairán ao mercado no mes de novembro. Por certo que a posta en longo destes móbiles intelixentes (Delta2, Alpha3 e Omega3) coincide no tempo cunha fonda renovación da imaxe da empresa galega, unha remodelación integral que se desenvolve baixo a etiqueta de Tecnolóxica lóxica. Precisamente este epígrafe é tamén aplicábel aos novos modelos, que segundo avanza Primux dispoñen dunhas características comúns que fan da súa elección “a opción lóxica” do consumidor.
En boa medida porque, por pouco diñeiro, pódese dispor dun smarthphone libre con todos os servizos e avances tecnolóxicos que calquera usuario poida demandar. Por exemplo: Dual SIM (dúas liñas telefónicas independentes no mesmo terminal), sistema operativo Android 4.2.2 ou GPS interno (con independencia da conexión de datos pódese usar o smartphone Primux Tech como navegador GPS). Asemade, todos estes aparellos incorporan tecnoloxía 3G, bluetooth, Wi-Fi e cámara dupla.
Partindo desas características comúns, o Primux Tech Delta2, o irmán pequeno da familia, dispón dunha pantalla de 3,5 polgadas, 4GB de memoria flash (ampliable a 32GB mediante o cartón microSD), 512MB de memoria RAM DDR3 e unha batería de 1.100 mAH que lle confire unha autonomía en espera de 7 días.
Pola súa banda, o Primx Tech Alpha3 é o smartphone máis versátil do grupo, informa Primux. O seu antecesor, o Alpha2, foi o máis demandado da gama Primux Tech polos usuarios. Dispón dunha pantalla IPS de alta resolución de 4,5 polgadas, 8GB de memoria flash (ampliábel a 32GB mediante a tarxeta microSD), 1GB de memoria RAM DDR3 e unha batería de 1.600 mAH “que permite un uso prolongado a pleno rendemento se ter que recargala”, engádese.
E por último, o Primux Tech Omega3, é segundo informa a empresa galega “o irmán maior e o máis parecido a unha tablet”. Dispón dunha salientábel pantalla IPS de alta resolución de 5,3 polgadas, 8GB de memoria flash (ampliábel a 32GB mediante a tarxeta microSD), 1GB de memoria RAM DDR3 e unha batería de 2.300 mAH de moi longa duración.
“Este tres exemplos”, engade a empresa con sede na Tecnópole, “son a clara aposta de Primux Tech por facer realidade a filosofía de tecnoloxía lóxica, que radica na premisa básica de que calquera persoa poida acceder á mellor tecnoloxía e á mellor calidade a un custo moi alcanzable, xa que se pode dispor dun smartphone libre con dual SIM de última xeración desde 69 euros, un prezo sen competencia; e todo iso sen esquecer que Primux Tech, ao ser unha empresa local, dispón dun servizo técnico que repara ou substitúe o terminal e devólvello ao usuario nun prazo máximo de 72 horas”.

PUBLICIDADE