A galega Profocus, finalista nos premios Somos Empresa

luns, 14 de novembro do 2016 Redacción

A empresa galega Profocus vén de ser seleccionada como unha das tres finalistas no certame Somos Empresa, na categoría de Futuro. Como lembraremos, Profocus é un estudo de comercio electrónico centrado na fotografía estratéxica de marca optimizada para buscadores e en recursos avanzados para mellorar a posición das empresas nas contornas dixitais. Xurdiu ao abeiro de programa de creación de empresas innovadoras da Tecnópole e ten a súa base de operación no viveiro de emprendedores do parque tecnolóxico. Os devanditos premios, que serán entregados en novembro en Madrid, están organizados por Banco Popular, El País e Cadena Ser.
O concurso en cuestión vai pola súa segunda edición. Nela, rexistrou 382 candidaturas para as súas seis categorías. Os premios distinguen “a capacidade de inspirar, crear valor e xerar oportunidades das pequenas e medianas empresas”, que, segundo os organizadores, “son axentes fundamentais para xerar riqueza e prosperidade na sociedade”.
Na edición de 2015 recoñeceuse o esforzo de empresas como Quinton, con 80 medidas de conciliación, ou Feyce, fabricante de mel que xa compite en Estados Unidos coa produción californiana. Segundo lembra a Tecnópole, este ano Profocus chegou á final entre as 19 mellores.

PUBLICIDADE