A galega Satdata Telecom desenvolve un sistema de xestión de efectivos móbiles con tecnoloxía DMR
mércores, 9 de abril do 2008
A empresa galega de telecomunicacións, Satdata Telecom, vén de dar o primeiro paso para a comercialización do seu sistema de xestión e control de efectivos móbiles sobre tecnoloxía DMR (ETSI TS 102 361), o que a converte, segundo palabras dos seus representantes, “na primeira empresa do mundo en ter unha solución de última xeración neste eido”.
Esta empresa con sede en Culleredo (A Coruña) pretende con esta nova tecnoloxía colocarse á vangarda das telecomunicacións e converter o seu desenvolvemento nunha potente ferramenta para a xestión de empresas e organismos vinculados ás emerxencias e a protección civil.
A tecnoloxía DMR que desenvolve Satdata Telecom a través da súa propia división de deseño tecnolóxico achega solucións ata o de agora “impensables” posto que permite aglutinar voz e datos no mesmo terminal, con máis rapidez nas comunicacións de voz e unha meirande axilidade e transparencia na transmisión de datos a través dos móbiles.
Os seus creadores afirman que a nova solución, que xa se comezou a comercializar no primeiro trimestre de 2008, “está a ter unha gran acollida entre as empresas vinculadas ás emerxencias” posto que a tecnoloxía DMR garante que as comunicacións “xamais queden cortadas, incluso nos casos extremos como algunha catástrofe natural”.
Entre as grandes vantaxes que presenta este novo sistema desenvolvido por Satdata Telecom está a maior calidade de voz e a maior velocidade de transmisión de datos, a mellora substancial da privacidade, a prolongación da vida útil da batería e unha notable redución de custes dos equipos.
Na actualidade, Satdata Telecom está a instalar esta solución en distintas empresas e organismos públicos ó tempo que a da a coñecer en distintas feiras nacionais e internacionais dedicadas ás telecomunicacións como o CeBIT de Hannover e o ESC WEST de Las Vegas. En breve, a empresa galega acudirá con este sistema ó TETRA World Congress de Hong Kong e tamén ó Salón Internacional da Loxística o vindeiro xuño en Barcelona.
