A galega Situm impulsa un proxecto que transforma a xestión da información xeoespacial en interiores: GAIA
venres, 29 de agosto do 2025
A empresa compostelá Situm, que dá nome á innovadora plataforma galega de localización e navegación en interiores (Situm), compartiu este verán os detalles dun novo e revolucionario proxecto impulsado pola firma, dirixido a favorecer a transformación da xestión da información xeoespacial en interiores. Trátase de GAIA.
GAIA é un proxecto financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital mediante o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e o Instituto Galego de Promoción Económica co que se propón unha solución innovadora: unha plataforma de asistencia intelixente que permitirá a traballadores e xestores acceder en tempo real a información xeoespacial en contornas como fábricas, hospitais, aeroportos ou centros loxísticos, de forma contextual, intuitiva e adaptada a cada necesidade.
Unha resposta aos desafíos actuais
Para contextualizar o desenvolvemento deste proxecto (cara a onde se dirixe e que eivas tecnolóxicas da localización busca emendar), dende Situm explican que “mentres en exteriores ferramentas como Google Maps resolveron boa parte dos problemas de orientación, en interiores a información espacial segue sendo desestruturada, difícil de actualizar e pouco accesible”. Así, os métodos tradicionais (desde planos en papel ata sistemas GIS complexos) “non responden de xeito adecuado ás necesidades de contornas dinámicas, nin permiten unha integración eficaz con fontes de datos externas nin unha visualización accesible para distintos perfís de usuario”, sinalan, apuntando que GAIA “nace para superar estas limitacións mediante unha solución que combina mapas interactivos, asistentes intelixentes, Realidade Aumentada e técnicas avanzadas de Intelixencia Artificial”. O seu obxectivo é claro: proporcionar unha plataforma modular, flexible e doada de integrar que permita crear, editar, consultar e visualizar información xeoespacial en calquera tipo de edificio ou instalación.
Catro grandes obxectivos
O proxecto estrutúrase ao redor de catro metas clave:
-Creación sinxela da representación espacial do edificio: permitir que calquera usuario poida xerar e actualizar facilmente un modelo xeoespacial do edificio sen necesidade de ferramentas avanzadas.
-Xestión eficiente da información asociada ao espazo: facilitar a administración de datos vencellados a puntos e zonas do edificio, permitindo o seu enriquecemento e a integración con outros sistemas de información.
-Acceso e visualización adaptada da información: garantir que os usuarios poidan recuperar e visualizar a información relevante segundo o seu perfil, con diferentes formatos de presentación e unha experiencia sen barreiras.
-Integración de fontes de datos xeoespaciais: permitir a conexión con diversas fontes de información, incluíndo datos xeolocalizados en tempo real e outros sistemas xeoespaciais.
Unha solución flexible para múltiples sectores
Situm engade que GAIA está concibida como unha base tecnolóxica para construír solucións a medida en distintas contornas laborais: onboarding de novos empregados, orientación en hospitais, supervisión técnica en fábricas, optimización do uso de espazos, xestión de emerxencias, seguimento de activos ou xeración automática de tarefas en campo mediante voz.
Todo iso artéllase en tres módulos principais: Creación do modelo espacial (desde planos CAD ou PDF/PDF ata mapas interactivos con edición dinámica e publicación en tempo real, con axuda de algoritmos de IA para automatizar tarefas complexas como a segmentación de zonas), Xestión da información (enriquecemento automático de datos con etiquetas, tradución e categorización intelixente, con integración a sistemas externos) e visualización intelixente (mapas 2D interactivos, Realidade Aumentada, asistentes conversacionais e modos accesibles, con modelos adaptativos e recuperación contextual de información).
Durante os próximos 12 meses, GAIA despregarase en edificios representativos —como fábricas, hospitais ou aeroportos— para validar o seu funcionamento e recompilar feedback real. De forma paralela, optimizarase o rendemento, a accesibilidade, a escalabilidade e a integración modular da plataforma.
“GAIA representa unha nova xeración de asistentes dixitais orientados a optimizar procesos, mellorar a experiencia do traballador e facilitar a toma de decisións en grandes instalacións”, apunta o equipo de Situm, engadindo que “o seu enfoque modular, accesible e baseado en IA convérteo nunha ferramenta clave para afrontar os retos operativos da Industria 4.0, a loxística avanzada ou a xestión de edificios intelixentes”.
Vídeo sobre o proxecto
