A galega authUSB pecha a súa primeira rolda de investimento cunha inxección de 250.000 euros

martes, 21 de xullo do 2020 Sonia Pena

A empresa galega authUSB, impulsada para facernos avanzar en ciberseguridade (nestes tempos de máis teletraballo, máis teledocencia, máis eAdministración e máis actividade empresarial e comunicativa na Rede), vén de pechar a súa primeira rolda de investimento con Marine Instruments SL como principal fornecedor de financiamento. A operación, a primeira rolda de investimento para a empresa tecnolóxica viguesa, supuxo unha inxección de capital de 250.000 euros. Como lembraremos, authUSB achega unha unha tecnoloxía chamada SafeDoor que protexe ás organizacións dos tres tipo tipos de ataques que poden vir a través das memorias USB: hardware (BadUSB), eléctrico (USBKiller) e software (malware).
Os antecedentes
A principios deste mes asinábase a incorporación de tres novos socios: Marine Instruments, referente mundial no desenvolvemento e fabricación de equipos electrónicos adaptados ao medio mariño e que nestes últimos anos desenvolveu unha forte estratexia de diversificación cara a sectores como a acuicultura, a seguridade e defensa; Xesgalicia, entidade de capital risco da Xunta de Galicia orientada a apoiar o crecemento do tecido empresarial galego, a través do seu Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras; e VigoActivo, entidade de capital risco participada principalmente polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, que fomenta a renovación do tecido industrial galego apostando por proxectos innovadores en sectores con tecnoloxías emerxentes.
Como dixemos, trátase da primeira rolda de investimento de authUSB S.L, na que contou coa asesoría legal e estratéxica de Pablo Taboada Villamil (Taboada Avogados) vinculado á compañía desde as súas orixes.
Segundo fixeron saber os responsábeis da empresa, esta contribución de capital destinarase “á consolidación da compañía e á apertura de novos mercados, entre outras cuestións”.
SafeDoor
A firma authUSB S.L. é unha empresa innovadora do sector da ciberseguridade que desenvolveu SafeDoor, nas súas palabras “unha única solución no mercado”, que ofrece ás organizacións e usuarios protección fronte ao tres niveles de ataque que se poden producir a través de dispositivos USB, xestión e auditoría destes trebellos e do seu contido tanto internos como externos. Ademais, permite a actualización de equipos por medio de “dispositivos USB seguros e fiábeis”, (tanto na contorna industrial, en redes OT, como a nivel de administración e redes IT) integrados en redes illadas ou sen conectividade.
“O investimento”, explican,”supón un respaldo aos fitos alcanzados pola nosa sociedade desde a súa creación en 2018, destacando sobre todos eles a presenza no mercado de SafeDoor, tanto en clientes do sector público como privado, e en sectores tan diversos como defensa, administracións públicas, sector industrial e infraestruturas críticas”.
A solución é posuidora da Certificación Lince, concedida polo Centro Criptológico Nacional (CCN), que avalía a solución SafeDoor como produto TIC para tratar a información de forma segura.

PUBLICIDADE