A iniciativa LabRural amosará en Culturgal o seu potencial de desenvolvemento para a nosa terra

mércores, 28 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Temos entre nós un novo proxecto colectivo en marcha dedicado, en boa medida, a tirar proveito do potencial das novas tecnoloxías no desenvolvemento de aqueles espazos xeográficos que teñen máis complexo, precisamente, o seu desenvolvemento, ameazados como están por un proceso xeral de despoboamento. Falamos dos espazos do noso rural e, tamén, do proxecto LabRural, iniciativa de raizame galego-asturiana centrada en tomarlle o pulso ás contornas non urbanas con ferramentas tecnolóxicas. E todo co fin de atopar novas fórmulas de dinamización. A proposta, botada a camiñar o ano pasado, vén da man de Francisco e Esperanza Porto (Betanzos) e Rocío Osorio (Xixón). Para quen queira saber máis dela, será presentada no marco da feira Culturgal, en Pontevedra, esta fin de semana.
Malia a súa breve traxectoria, xa serviu para a posta en marcha de diferentes experiencias rurais. Un exemplo é #kedarte, na que ao longo de seis meses realizáronse investigacións de territorio, exame das necesidades da poboación e diferentes obradoiros tecnorurais. O cumio desta liña de traballo, informan as súas impulsoras, foi a xuntanza de máis de 30 creadores de diferentes recantos da Península que, en catro xornadas, tiveron a oportunidade compartir as súas experiencias e participar activamente coa veciñanza dos lugares nos que se levou a cabo o proxecto. Houbo conferencias, instalacións, obradoiros tecnolóxico-dixitais, espectáculos.
LabRural ten no seu punto de mira, arestora, a Estremadura e Soria. Na primeira das dúas comunidades concéntrase en Peloche, onde se está a impulsar a primeira fase do proxecto, que se artella a través da documentación e visualización de ferramentas precisas para levar a cabo as intervencións tecnolóxicas. Por outra banda, en Soria vaise realizar #kedarte2012, mentres en Salamanca (o vindeiro 13 de decembro) organízase II #kedarteRedes, encontro de artistas sobre cultura en rede.
Como dixemos, o vindeiro 1 de decembro, sábado, presentarase LabRural na feira da cultura galega Culturgal (Pontevedra), no espazo OFFCulturgal, ás 17.00 horas. A cita servirá entre outras cousas para sentar os alicerces dun LabRural galego.
Para máis información sobre estas e outras xeiras de traballo, podemos visitar o blog La Lata Muda (Revista dixital de arte experimental), de Francisco Porto, onde se dá conta en detalle das distintas actividades previstas.

PUBLICIDADE