A matriz da galega Tecalis, no posto 145 das 1.000 empresas que máis medran en Europa

xoves, 3 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

A compañía galega Tecalis, con sede en Milladoiro (Ames) e centrada nas TIC, segue sumando éxitos na nosa terra e alén das nosas fronteiras. Segundo vén de informar, a súa empresa matriz, Dexga Technologies, foi incluída na clasificación FT1000 do prestixioso diario de negocios e economía internacional Financial Times, que reflicte as empresas que actúan como forza motriz da produtividade europea. Máis polo miúdo, Dexga ocuparía o posto 145 das 1.000 firmas que máis medran na contorna europea.
O ranking, froito de meses de investigación, lista o milleiro de empresas de 31 países europeos que acadaron a taxa anual de crecemento máis alta en ingresos no período comprendido entre 2013 e 2016. Segundo reflicte Tecalis, para Financial Times as empresas innovadoras e de crecemento rápido “son a forza motriz da economía europea no século XXI, xeran postos de traballo e manteñen a competitividade de Europa”. Dáse a circunstancia, ademais, de que boa parte das compañías incluídas na listaxe (Dexga e outras 154 firmas) son do sector das novas tecnoloxías.
Como lembraremos, Dexga Technologies é a empresa orixinaria do grupo empresarial conformado por Tecalis, Dexga e Signen, unha compañía que ten a súa sede central en Ames (área de influencia Santiago de Compostela), e tamén conta cunha delegación en Madrid, e delegacións comerciais en Ecuador e Alemaña. Por certo que o proceso de espallamento da compañía prevé novas delegacións e colaboracións nun breve espazo de tempo, entre elas o mercado latinoamericano e o norteamericano (Palo Alto-California).
Dexga centra boa parte dos seus esforzos en ofrecer a grandes compañías a externalización de procesos de negocio. Dexga, botando man de tecnoloxías avanzadas, pon o foco en fornecer aos clientes de servizos de alta calidade “a un custo altamente competitivo”. A dita firma promoveu a creación de Tecalis, empresa de desenvolvemento de proxectos TIC en 2011 e recentemente faino con Signen, empresa de sinatura electrónica de proxección internacional. Signen presentouse no MWC de Barcelona e farao en maio no evento Blockshow de Berlín e en setembro no MWC de Los Ángeles.

PUBLICIDADE