A ministra Margarita Robles e a alcaldesa Inés Rey inaugurarán na Coruña o cumio REAIM 2026

xoves, 29 de xaneiro do 2026 S. P.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e o Ministerio de Defensa, xunto ao Concello da Coruña, lideran a organización en España do terceiro Cumio Mundial sobre Intelixencia Artificial Responsable REAIM (Responsible Artificial Intelligence in the Military Domain), na Coruña os días 4 e 5 de febreiro, no recinto PALEXCO.
A ministra de Defensa, Margarita Robles, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, intervirán no acto inaugural, o cal dará paso a un cumio de dous días que reunirá a representantes de gobernos, industria, mundo académico e sociedade civil ao redor de diferentes paneis, mesas redondas e relatorios de persoas expertas, abertas á prensa.
O día 5 de febreiro levarase a cabo a foto de grupo das diferentes delegacións asistentes, así como o segmento de alto nivel de clausura, no que intervirá o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares.
Durante o Cumio REAIM 2026 tamén se darán a coñecer casos de uso práctico de IA de importantes compañías desenvolvedoras, nunha área expositiva na que se exhibirán ferramentas in situ.
A iniciativa REAIM é o principal proceso internacional que promove o intercambio de ideas para avanzar na identificación de principios para un uso da intelixencia artificial seguro, protexido e consciente no ámbito militar.
España considera que “é o momento de dar pasos concretos, prácticos e realistas para traducir os principios acordados nos dous cumes anteriores en medidas eficaces e tanxibles”.