A mocidade prefire as redes sociais para o entretemento por enriba da cultura, segundo un estudo da UVigo
mércores, 12 de febreiro do 2025
O Campus de Pontevedra (UVigo) compartiu información sobre un proxecto impulsado pola profesora da Facultade de Comunicación Beatriz Martínez, do grupo CS1, destinado a avaliar o grao de coñecemento e participación da mocidade na axenda cultural que se desenvolve en Pontevedra e o papel das redes sociais e influencers neste ámbito. A través dunha enquisa e da organización de grupos de discusión, o traballo permitiu constatar que se ben mozos e mozas “si están conectados” coa oferta cultural da cidade “da que parecen participar e din interesarse”, non o fan a través das redes sociais das institucións e entidades culturais da localidade.
Diferentes estudos, lembra Martínez, sinalan que “a programación cultural tradicional non sempre logra captar a atención dos mozos, debido a unha desconexión en termos de linguaxe, formatos e accesibilidade”. Así, resulta “crucial entender o papel das redes e influencers nos seus intereses”, que se teñen convertido en “ferramentas clave” á hora de achegar a programación cultural ás novas audiencias. Analizar o seu papel na “conexión entre a oferta cultural” de Pontevedra a as novas xeracións era nese senso un dos propósitos do proxecto Conectando culturas: Análisis de la oferta cultural de Pontevedra en redes sociales y su impacto en los jóvenes, con atención también al Camino de Santiago.
A enquisa realizada a 158 mozas e mozos de entre 18 e 27 anos, o 76% mulleres, permitiu constatar o elevado uso que as novas xeracións fan das redes sociais, ás que o 83% dedican cando menos dúas horas ao día e, dentro destes, un 38% máis de catro horas diarias, sendo Instagram e TikTok as máis utilizadas. Porén, a investigación sinala que o 65% dos mozos e mozas non coñece as contas das institucións e organizacións culturais da cidade e só o 12,7% participa en actividades ou eventos culturais promocionados a través das redes sociais. Isto leva a Martínez a incidir na existencia dunha “fenda” nas redes sociais e unha mocidade que segue “outro tipo de contas” e que “pon en valor o entretemento” por riba de ámbitos culturais concretos.
O estudo apunta a que o 64% das enquisadas e enquisados “non considera axeitadas as estratexias de comunicación das institucións culturais” nas redes sociais, que consideran “pouco atractivas”, o que leva a investigadora a concluír que, se ben “mozos e mozas valoran a cultura local”, tamén “identifican unha desconexión significativa na forma en que se comunica e adapta aos seus intereses”.
Estas cuestións foron abordadas tamén en dous grupos de discusión, un conformado por mozos e mozas e outro por responsábeis culturais do Concello e a Deputación e de eventos como o festival Surfing the Lérez. Estes grupos permitiron afondar tamén nas demandas da mocidade dunha oferta cultural acorde ás súas preferencias, así como na necesidade por parte dos xestores culturais de “incorporar novas ferramentas e formatos”. Outra das cuestións abordadas foi o papel que poden xogar os influencers á hora de conectar cos novos públicos, mais, como sinala Martínez, a súa efectividade neste eido dependería da “autenticidade e proximidade” das súas mensaxes. Isto faría idóneo que se tratase de figuras “que estean conectadas habitualmente” co público obxectivo e coas institucións culturais da cidade, mais os resultados da enquisa amosan que máis do 80% dos mozos e mozas non coñecen “influencers e activistas culturais de Pontevedra”.